O Parlamento pasea a súa colección de arte

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

A sede coruñesa de Abanca acolle unha escolma de 40 pezas da colección do Hórreo

02 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Felipe Senén, un dos tres comisarios da exposición A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia, que un paseo polos corredores do hemiciclo galego permite «entrar na nosa historia». Unha viaxe a través dos cadros e esculturas que a institución, creada en 1981 coa constitución da autonomía galega, foi gardando xa desde os seus primeiros anos de inquilina no pazo de Xelmírez, co desexo de salvagardar pezas imprescindibles da cultura propia.

Unha escolma desta importante colección —que chega ás 400 unidades— pode visitarse ata o 31 de agosto, e de xeito gratuíto, na sede de Afundación, na Coruña. Un percorrido por 41 pezas que son «un auténtico debate entre diferentes espíritos de distintas épocas, dos nosos avós e pais á nosa xeración, e tamén á máis nova», describe o experto en museoloxía Felipe Senén.

Co presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, participou nun encontro para dar a coñecer a proposta.

Marcos Miguez

Os renovadores

«Seguindo a filosofía que defendía Vicente Risco, podemos dicir que o Parlamento é un pouco un escenario do que somos. Baixo este espírito foi creando una boísima colección da arte dos renovadores, o noso século XX», resume Senén.

Cos tamén académicos da Real Academia Galega de Belas Artes Victoria Carballo-Calero e Carlos Valle, comisiona a mostra coa que o hemiciclo sae á rúa. «Esta é unha das formas que temos de entender un Parlamento máis aberto», afirma o presidente da Cámara autonómica, o político Miguel Santalices.

Ademais das proposicións de lei que lle poden trasladar ao Parlamento os cidadáns se conseguen reunir un mínimo de firmas, ou da nova fórmula da pregunta directa ao Goberno a través dun deputado, a Cámara quere demostrar o seu carácter transparente e a súa vontade de diálogo.

Unha meta na que a arte é o medio. Os galegos poden non só visitar o edificio do Hórreo coa escusa de coñecer a súa colección artística; agora é a institución a que dá o paso de sacar ao exterior un meditado mostrario.

«As obras que fomos reunindo son un reclamo para que a xente veña a coñecernos. Son pezas mercadas cos aforros da institución. Un esforzo grande para un patrimonio que é para o pobo», remarca Santalices.

Entre as obras escollidas para a escolma que se exhibe na Coruña —e que antes xa estivo noutras cidades como Ferrol, Pontevedra, Vigo ou Ourense—, hai creacións de figuras referentes como son Carlos Maside, Luis Seoane, Laxeiro, Alfonso Sucasas, María Antonia Dans, Alfonso Abelenda ou Virxilio.

Tamén de autores contemporáneos do XXI. «Nun momento de grandes dificultades económicas, sobre todo, despois da pandemia, o Parlamento fai un labor moi importante para a supervivencia dos artistas. Os seus fondos cumpren coas súas adquisicións esta outra función, que tamén é moi necesaria», expresa Manuel Quintana, un dos artistas representados na antoloxía reunida na Afundación e que é, ademais, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes.

Esta academia é a que se encarga desde hai seis anos de asesorar á Cámara nos criterios á hora de seleccionar as pezas que vai incorporando. «Creamos unha comisión específica que ten como cometido valorar e estudar as propostas que chegan. Estima se unha obra ten a calidade suficiente para entrar no Parlamento, ben en cesión ou para ser mercada», explica Manuel Quintana.

«Levamos moitos anos investindo en arte, pero non había un criterio de selección. Quixemos apoiarnos en quen máis sabe disto», subliña Miguel Santalices sobre a colaboración.

Marcos Miguez

«Nesta encrucillada que abre camiños que é Compostela, que o Parlamento abra unhas xanelas á creatividade vén na senda do que dicía Risco, que somos o que presentamos e como o presentamos», resume Felipe Senén. As pezas expostas son memoria viva das distintas etapas históricas de Galicia. Só hai que achegarse e deixarse levar por elas.

Uns fondos de máis de 400 obras nos que está o «Guernica» galego

 

 

O Parlamento alberga un dos máis valiosos e variados fondos públicos de arte contemporánea galega. Un tesouro froito do talento creativo dos seus autores e do compromiso coa arte galega dos diferentes equipos de goberno da Cámara lexislativa. Porén, a pesar da relevancia dos seus cadros e esculturas, estes seguen a ser grandes descoñecidos. Por isto, o hemiciclo quere remarcar dúas mensaxes: os galegos poden non só achegarse ata o Hórreo nos horarios de visitas, senón que agora tamén é a institución a que se presta a levar as súas posesións de viaxe.

Destacar unha peza é case imposible, aínda que Felipe Senén para nunha. «O Parlamento ten unha colección magnífica, e un dos máis grandes creadores que viu o século XX en Galicia, Xaime Quesada, non podía faltar. Ten un cadro moi emblemático que podería ser o noso Guernica, O can azul. No fondo, unha crítica social da nosa longa noite de pedra», propón o museólogo Felipe Senén.