Unha aporía

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

29 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun libro de mediados dos noventa, publicado no selo dun vello amigo (Aporía de la ciudad invisible, Tesitex, 1995), Vicente Forcadell somete a súa vila, a fermosa e nobre Salamanca, á aporía de que unha cidade de 140.000 habitantes poida ser invisible. Ah! Vale, prezado lector, non se moleste en ir polo dicionario, que para iso estamos. Unha aporía é, precisamente, todo enunciado que contén unha inviabilidade de orde racional (un sinónimo, pois, de paradoxo).

Como consecuencia, en efecto, dunha permanente invasión de turistas, a cidade, como organismo de seu, previo ou independente aos seus moradores, adquire un protagonismo que despraza o habitante, volvéndose invisible aos ollos deste. Xa non é a cidade de todos os días, a cidade das nosas lembranzas e actuais rutinas, das fotos na Alameda, as troulas noctívagas e os románticos paseos da man de alguén…, senón un parque temático, un onírico teatro de barrigaverde, onde personaxes curiosamente uniformes malia usuarios das máis variadas linguas do mundo representan un guiñol no que temos ben pouca parte.

Somos incapaces de compartir o feitizo de quen, rematados centos de quilómetros xacobeos, admira tanta marabilla por vez primeira, e esa incapacidade fere a nosa propia identidade, fai que apartemos para non molestar e, como a cidade, tamén nos volvemos invisibles.

Todas as mañás de camiño ao traballo, bordeo a carballeira de San Lourenzo, nun de cuxos recantos está o indicador pétreo, co símbolo do Camiño, da peregrinación a Fisterra. E todos os días observo os grupos de peregrinos que, co entusiasmo e ilusión da ruta que comeza, inmortalizan o momento con selfies nas que sorrín e erguen felices o matapiollos. E eu, aínda vítima do sono, co entusiasmo e a ilusión gravemente erosionados pola rutina, sinto, por que non dicilo, un chisco de envexa. Nese breve prodixio que é Viaje a la Alcarria di Cela: «En el fondo, no se sabe por qué, los viajeros de un tren siempre envidian un poco a los viajeros de otro tren». É difícil de explicar, pero así é. O día menos pensado crebo a rutina, baixo do coche e fágome alí mesmo un selfie. Talvez deixe de ser invisible.