A RAG confirma o cancioneiro popular como protagonista das Letras Galegas

NOEMÍ LÓPEZ / A. A. A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Rosa Casás Rama e Adolfina Casás Rama, nunha fotografía tomada na Vila da Igrexa (Cerceda) en 1980 pola musicóloga Dorothé Schubarth; e Eva Castiñeira tocando a pandeireta e cantando.
Rosa Casás Rama e Adolfina Casás Rama, nunha fotografía tomada na Vila da Igrexa (Cerceda) en 1980 pola musicóloga Dorothé Schubarth; e Eva Castiñeira tocando a pandeireta e cantando. Fondo Dorothé Schubarth-Antón Santamarina / Pablo Quintana

A proposta das cantareiras e pandeireteiras impúxose ás de Antón Tovar e Enrique Labarta Pose

06 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A sesión plenaria ordinaria da Real Academia Galega (RAG) celebrada este venres no pazo de María Pita de A Coruña concluíu co resultado agardado. O próximo ano as Letras Galegas estarán dedicadas ao cancioneiro popular, especialmente «ás mulleres que, malia a vida difícil que lles tocou vivir, foron creadoras e transmisoras da arte e beleza que conforma o noso patrimonio lingüístico e cultural». A institución personifica a homenaxe en Adolfina e Rosa Casás, naturais de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía; e Manuela Lema Villar, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, tres das integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica.

As cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto dos traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebra con música e baile. A finais do século XIX, os coros comezaron a compilar músicas populares, pero a imaxe que se estableceu como icona foi a do gaiteiro que, acompañado do tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas de cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada e as súas cantigas, ao anonimato.

A RAG fai agora xustiza con este legado e as súas autoras, vinte e sete anos despois das Letras Galegas do 1998, centradas nos trobadores da ría de Vigo: Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax. O presidente da Academia, Víctor Fernández Freixanes, mencionou «a extraordinaria contribución da historia da muller á lingua e a transmisión da lingua e a cultura galega», salientando que, no seu caso, como «neno nado na Pontevedra dos anos 50, o meu galego entrou polas cancións das festas».

Con esta proposta tamén se pretende homenaxear ao traballo realizado no século XX pola etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), biblia do folclore que realizaron nos anos 80. Este traballo permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009) e Rosa Casás Rama (1913-2005). Tamén nos anos 80, Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira, primeira pandeireteira en tocar cun grupo de folk. Pola súa banda, as Pandeireteiras de Mens actuaban en palcos folclóricos dende os anos 70; a súa historia foi recuperada na presente década no libro de Beatriz Busto editado pola Central Folque, mesmo selo que editou Fuliada na vila, un volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás (neto de Rosa).

Estas e moitas outras iniciativas de persoas que foron recollendo os cancioneiros populares por todo o país contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva ameazada polos procesos de urbanización. Así e todo, fronte ao que aconteceu noutros territorios, o cancioneiro popular puido chegar ao século XXI e deixar unha fonda pegada na alta cultura.

A candidatura —proposta pola académica Ana Boullón e apoiada pola maioría do pleno da RAG, desbancou as de Antón Tovar e Enrique Labarta Pose— tamén «pretende aludir ás novas xeracións de intérpretes e creadores que demostran que na propia esencia da poesía popular oral está a evolucionar e cambiar. Desde os que recolleron cantigas directamente nas aldeas, como Fuxan os Ventos nos 70 e despois Milladoiro, ata Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz ou, xa parte de xeracións máis novas, Faia Díaz, Sés, Baiuca, Mondra...».