Recuperan o premio Galaxia de novela para festexar os 75 anos da editorial

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Carlos Casares.
Carlos Casares. J. M. Casal

O selo establece un único premio, indivisible, dotado coa cantidade de 25.000 euros

06 jun 2024 . Actualizado a las 00:01 h.

Cincuenta anos despois de que Carlos Casares gañara coa súa novela Xoguetes para un tempo prohibido o premio convocado en 1975 por Galaxia para celebrar o 25.º aniversario da editorial, o selo vigués recupera —coa chegada do 2025 e o seu 75.º aniversario— este galardón, ao que poderán concorrer os autores maiores de idade que o desexen con novelas escritas en lingua galega, acordes coa normativa vixente, orixinais, rigorosamente inéditas e que non fosen premiadas anteriormente. Os textos deben ter unha extensión entre os 350.000 e os 700.000 caracteres. O prazo de admisión de orixinais pecharase o próximo 1 de decembro.

A editora establece un único premio, indivisible, dotado coa cantidade de 25.000 euros brutos, un anticipo a conta da remuneración pola cesión dos dereitos de explotación da obra premiada, xa que o galardón leva aparellada a publicación por parte de Galaxia.

O xurado será nomeado por Galaxia e estará conformado por profesionais de distintos ámbitos con amplo recon?ecemento como especialistas en literatura. Actuará como presidenta a conselleira da editorial Dolores Vilavedra e, como secretario, Marcos Calveiro, director de edicións, ambos os dous con voz e voto. O xurado —cuxa composición se fará pública no momento de resolver o premio— dará a coñecer o seu veredicto en abril do 2025.