Homenaxean a Dorothé Schubarth polo seu «inxente traballo» pola música galega

M. G. I. LA VOZ / SANTIAGO

CULTURA

Schubarth, no 2017, lembrando o seu labor de recolla de cantigas.
Schubarth, no 2017, lembrando o seu labor de recolla de cantigas. Adarme Visual

A etnomusicóloga suíza percorreu as aldeas a finais da década dos setenta para recompilar este patrimonio oral

05 jun 2024 . Actualizado a las 23:19 h.

A Dorothé Schubarth (Basilea, Suíza, 1944-2023) débeselle a conservación de rexistros de moitas das manifestacións da música popular galega hoxe perdidas. Precisamente, por ese «traballo inxente e titánico» percorrendo as aldeas galegas a finais da década dos setenta para recompilar ese patrimonio musical, o Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG-USC) celebrarán o vindeiro día mércores 12 unha homenaxe á etnomusicóloga suíza.

Na xornada, que se celebrará no auditorio do Museo do Pobo e que está aberta ao público sen necesidade de inscrición previa, combinaranse distintas conferencias para profundar no traballo de Schubarth con actuacións musicais. A cita comezará ás dez da mañá coa apertura institucional, seguida dun recital de Felisa Segade no que interpretará unha selección de músicas recollidas pola propia etnomusicóloga. As primeiras intervencións abordarán a súa biografía e o seu traballo en Galicia. Antón Santamarina, que colaborou con Schubarth para transcribir esa música recompilada e é coautor do Cancioneiro popular galego, incidirá na súa vida e a obra. Precisamente, tanto a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, como a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei, destacaron o labor de Santamarina. «Foron horas e horas transcribindo», apuntou Álvarez para anotar que a homenaxe tamén é extensible a el. Pola súa banda, Diego Rodríguez achegará os detalles do traballo coa Fundación Barrié.

Despois, haberá dúas mesas centradas no Cancioneiro: a primeira, coa participación de Serxio de la Ossa e J. M. Pedrosa, e a segunda, coa directora do Museo do Pobo, Concha Losada, ademais de Rebeca Carrera e Luís Costa. «O Cancioneiro só foi o comezo. Os músicos estano tomando como base para a creación contemporánea», remarcou Losada. Para exemplificalo, a mañá rematará cun concerto de Caamaño e Ameixeiras con pezas feitas sobre material recompilado pola estudosa suíza.

Xa pola tarde, ás cinco, haberá unha mesa redonda sobre o traballo da homenaxeada alén do Cancioneiro, na que intervirán Lucía Cedrón, Carme Campo, Alejandro Gándara e Antonio Reigosa. Unha hora despois haberá música interpretada por Cástor e Félix Castro en lembranza de Dorothé. O peche será un concerto no que se inclúe unha peza composta por ela, que se estreara en Santiago e que non se volvera interpretar en público, da man do Cuarteto Alicerce. A isto engádese que o Consello da Cultura incluíu no Álbum de Galicia a súa biografía.