O debuxante Siro López doa o seu arquivo bibliográfico á Universidade da Coruña

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Siro garda na casa máis de 3.000 exemplares de publicacións satíricas dos séculos XIX e XX. O arquivo persoal do debuxante quedará á disposición de alumnos e investigadores na Facultade de Filoloxía da UDC.
Siro garda na casa máis de 3.000 exemplares de publicacións satíricas dos séculos XIX e XX. O arquivo persoal do debuxante quedará á disposición de alumnos e investigadores na Facultade de Filoloxía da UDC. Marcos Miguez

O caricaturista atesoura valiosas pezas do humorismo gráfico europeo

06 jun 2024 . Actualizado a las 14:21 h.

«Cando comezou o humor gráfico? Atreveríame a dicir que foron os exipcios; caracterizaban algúns deuses cunha graza que parecían feitos por Walt Disney», di o humorista e ensaísta galego Siro López Lorenzo (Ferrol, 1943). Claro que as tiras, como ás que nos ten acostumados en La Voz de Galicia, foron un fenómeno máis recente, pero tamén con moita historia. Unha parte dela foina recompilando na súa casa, onde atesoura un fondo que supera os 3.000 exemplares e no que o importante non é a cantidade, senón a calidade das pezas.

«Comecei a facer esta colección cun criterio profesional, o dun estudoso do humor. O primeiro que merquei foi La Codorniz, completa e encadernada, no 1973, paguei 100.000 pesetas por ela», lembra. Pero Siro quería ir máis aló. «Un día fíxenme a pregunta: “Quen é o creador do humorismo gráfico en Galicia?”. Castelao. E de onde bebeu Castelao?». Xurdiu aí unha indagación que o levou ata países como Alemaña, Francia e Arxentina.

«Castelao aprendeu dos debuxantes alemáns de Simplicissimus, revista satírica que se editaba en Múnic, cuns marabillosos debuxantes que el estudou. Tiña que facerme con exemplares, e fíxeno. Por outra parte, Castelao bebeu moito das fontes do humor francés, a máis importante que había era L’Assiette au Beurre, traducido ao galego como prato de manteiga. Esa revista téñoa completa. Tamén a tiña Castelao, está hoxe no Museo de Pontevedra; a outra é esta. Son cousas moi valiosas», subliña Siro.

Por iso, pola súa importancia, o autor decidiu doar este arquivo á Universidade da Coruña (UDC). Un proxecto, o de introducir o humor gráfico no campus, que xa propuxo en tempos de José Luis Meilán Gil como reitor e que agora se materializa. O consello de goberno da institución académica aprobou onte a recepción da doazón do legado bibliográfico do humorista, a quen a UDC lle agradece o seu ofrecemento á Facultade de Filoloxía para que albergue a súa colección de publicacións de banda deseñada, ilustracións e humorismo. «Fondos con materiais dos séculos XIX, XX e XXI de interese para o centro, dado o contido singular da biblioteca deste ilustre debuxante», apuntan desde o equipo do reitor, Ricardo Cao. A entrega oficial será logo do verán.

Publicacións de Portugal, España e tamén de Arxentina poderán estar dispoñibles para os alumnos. «Sen estar en Arxentina, puiden facer un descubrimento que me permitiu escribir unha investigación. Foi grazas a que tiña estes exemplares na casa», conta Siro. Refírese á publicación satírica Don Quijote, editada na capital bonaerense. «Estaba dirixida por un anarquista chamado Eduardo Sojo, neto de galegos. Sempre destaco unha cousa: a única revolución que se fixo cun lapis litográfico foi a que sucedeu en Bos Aires en 1890 animada por un español; os obreiros levantáronse en armas e tiraron o Goberno», relata Siro. Un medio do que tamén achega numerosos exemplares e no que traballou un galego ilustre, «o gran caricaturista Xosé María Cao Luaces, de Cervo, o patriarca da caricatura política arxentina», sostén. Todo isto pasa a mans do centro público.