Pepe Ferreirós (Milladoiro) «Cando empezamos a música popular galega estaba en risco de esmorecer»

Javier Becerra
Javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

.

A formación dará o próximo domingo 19 un recital na Coruña para celebrar o seu 45.º aniversario

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O 15 de maio de 1979 escribíase a primeira páxina dun dos libros esenciais da música galega. Milladoiro, unha banda que rebuscaba la música popular galega para levala a outro nivel, ofrecía o seu primeiro recital no auditorio do Colexio Salesianos da Coruña. 45 anos e catro días despois, o próximo domingo 19, o grupo volverá a subirse a un escenario da mesma cidade (Pazo da Ópera, 19.30 horas, desde 12 euros). «Tíñamos moitas dúbidas cando fixemos aquel debut. O noso era algo innovador e non sabiamos se podía calar na xente», lembra Pepe Ferreirós un dos membros do emblema do folk galego.

—Foi ben aquel recital inicial?

—Non esperabamos que houbera tanta xente, a verdade. Os aplausos eran moi cercamos e daba a sensación de que a xente esperaba algo parecido ao que faciamos. Eu creo que si naquel primeiro concerto foran catro persoas posiblemente hoxe non estariamos falando de Milladoiro.

—Que buscaban entón?

—Queriamos centrarnos na música popular galega, porque cando empezamos estaba en risco de esmorecer. Todo estaba en mans nos vellos gaiteiros que seguían na brecha pero sen continuidade nin reposto. Nós, que viñamos dos cuartetos tradicionais, eramos catro contados. Non había moita xente nova que mirase para iso. Esa música estaba desprestixiada e, logo, nas capas progresistas a música co tufillo de folclore soaba a que tiña que ver co Franquismo e a ditadura. Aquela era unha cultura que había que protexela, igual que a lingua. Iso foi o que nos moveu a traballar. Non so en mirar o que había nos cancioneiros, senón quitarlle o po que tiña encima a música e poñela ao día.

—Como foron os anos 80 para unha banda así, nun contexto non de todo favorable?

—Para nós o importante era traballar na tradición, pero sen quedar atascados. Mirabamos ao que se estaba facendo en Europa, especialmente nos países célticos cos que había unhas afinidades culturais. Pero non so iso. O que se estaba facendo en Francia no folk era moi importante. Nós víamos que esas ideas podíanse transplantar a Galicia. Nese sentido, foi importante que pronto empezamos a ir a festivais por Europa adiante. Permitiunos coñecer de primeira man o que se estaba facendo. Empezamos a traballar cunha paleta instrumental ampla. Non so cos instrumentos galegos por excelencia como a gaita, a zanfona ou as pandeiretas, senón que metiamos guitarras acústicas, teclados electrónicos e outras cousas.

—Custou manter a identidade coas diferentes ondas da música durante estes 45 anos?

—Hai influencias do que a xente quere e dos medios, pero a Milladoiro quedounos moi claro desde o principio que unha vez que conseguimos un son diferenciado había un camiño. Houbo momentos nos que nos puido tentar ir por un lado ou outro pero, meditando, o que sempre quixemos non caer en modas. En 45 anos colles moitas subidas e baixadas. Tes que adaptarte, pero sempre sendo fiel ao teu ideario. Se nun momento a onda vai por un lado e o publico ía por aí nós diciamos que non, que tiñamos que aguantarnos con os que nos seguían. Os experimentos si, pode habelos, pero nós non estamos para facelos porque temos un selo. Cambiar porque se pon de moda unha cousa non nos parecería ético.

—E dicir, que non haberá uns Milladoiro con bases electrónicas.

—Mmmm... non, penso que non. Utilizamos o electrónico xa, pero poñernos cunha música con base de DJ non o vai pasar [ri]. E ollo, non estou en contra diso para nada, que ten que haber opcións para todos. Pero para nós a estas alturas non ten sentido subir a carros nos que non participas nin estás identificado con eles. Hai xente nova explorando novos camiños como os exploramos nós no seu momento. E o lóxico e o que ten que ser.

—Algúns dos novos artistas «neofolcloricos» falan de Milladoiro como referencia.

—E que eu vexo claro que Milladoiro influíu moito nas novas xeracións por mirar a esa música que eran como de segunda. Viuse claramente que non o eran. De repente, a música galega estaba aí, nos principais festivais do mundo. Estabas en Tokio ou en Chicago en igualdade de condicións que calquera. Hoxe pode parecer normal, pero entón non o era. Creo que, por activa ou por pasiva, nós temos algo que ver no que fai moita xente que se dedica ao folk na actualidade.