Play-Doc impulsa unha retrospectiva de Leon Hirszman, figura clave do cinema novo brasileiro

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma da curtametraxe documental de Leon Hirszman «Nelson Cavaquinho» (1969), sobre o xenial músico sambista.
Fotograma da curtametraxe documental de Leon Hirszman «Nelson Cavaquinho» (1969), sobre o xenial músico sambista.

O festival presentará ademais as primeiras curtas do editor e realizador inglés David Gladwell e a estrea mundial da restauración de «Kriegsende», da cineasta alemá Viola Stephan

03 abr 2024 . Actualizado a las 22:17 h.

A vixésima edición do festival Play-Doc, que se celebrará en Tui entre os días 1 e 5 de maio, promove unha ampla retrospectiva do realizador brasileiro Leon Hirszman (a única que se organizou ata agora fóra de América Latina). Tras a súa prematura morte, aos 49 anos, o nome de Hirszman foi medrando en recoñecemento no seu país. Parte inicial do grupo fundador do cinema novo —a súa primeira curta, Pedreira de São Diogo, integrou Cinco vezes favela, película inaugural do movemento—, Hirszman dirixiu filmes que puxeron sobre a mesa, entre os anos 1960 e 1980, as fondas contradicións que latexan na formación social do Brasil. Herdeiro do realismo, lembra a organización do Pay-Doc, e cun forte compromiso político, Hirszman foi particularmente sensible á música popular, que consideraba unha manifestación do pobo e a auténtica representación colectiva da tradición cultural, de tal xeito que produciu algúns dos documentos máis valiosos da historia da samba. Nesta súa primeira retrospectiva europea, Play-Doc recupera as súas catro longametraxes máis importantes: A falecida (1965), São Bernardo (1972), Eles não usam black-tie (1979; Espiga de Ouro na Seminci) e o seu traballo póstumo Abc da greve (1990), ademais de catro curtas que amosan as súas distintas facetas artísticas e temáticas: Pedreira de São Diogo (1962), Maioria absoluta (1964), Nelson Cavaquinho (1969) e Partido alto (1982). Maria Hirszman, a súa filla, achegarase a Tui para falar do legado de seu pai.

Ademais de Hirszman e o tributo a William Friedkin, Play-Doc presentará as primeiras curtas do editor e realizador inglés David Gladwell (1935) e a estrea mundial da restauración de Kriegsende, da cineasta alemá Viola Stephan. Con motivo do 50.º aniversario da Revolución dos Caraveis portuguesa, proxectará o emblemático documental As armas e o povo (1975).