Versos de Celso Emilio Ferreiro para festexar o Día da Poesía

Alejandro García Chouciño
A. G. CHOUCIÑO A CORUÑA

CULTURA

Varias xeracións de poetas galegos, representadas no grupo de participantes no encontro da RAG na Fundación Luis Seoane: Chus Pato, Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, María López Sández, Rafa Vilar, Alfonso Pexegueiro, Anxo Angueira e Ana Romaní.
Varias xeracións de poetas galegos, representadas no grupo de participantes no encontro da RAG na Fundación Luis Seoane: Chus Pato, Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, María López Sández, Rafa Vilar, Alfonso Pexegueiro, Anxo Angueira e Ana Romaní. Ángel Manso

Varios autores uniron o pasado co presente con pezas do ilustre escritor nunha homenaxe organizada pola RAG

19 mar 2024 . Actualizado a las 23:08 h.

Realzar o significado da fraternidade. Foi o resultado acadado onte na Fundación Luis Seoane co acto da Real Academia Galega (RAG) para festexar o Día Internacional da Poesía. O acto tamén brindou a oportunidade de homenaxear ao escritor Celso Emilio Ferreiro (1912-1979), coa presenza da súa filla, Isabel Ferreiro.

Os versos do poeta celanovés fixeron reflexionar e dialogaron cos doutros autores actuais de distintas xeracións. A Sección de Literatura da institución decidiu renderlle homenaxe a Celso Emilio nun momento diferente ao da vivencia da ditadura que inspirou o poemario Longa noite de pedra, editado en 1962, pero así mesmo un «tempo convulso, marcado por dilemas éticos, bioéticos e conflitos bélicos que tamén convoca as novas voces poéticas», explicou María López Sández, académica numeraria da RAG. «O compromiso de partida que implica a propia escolla da lingua para a creación insire xa un xermolo de protesta», destacou a condutora literaria do serán.

María López Sández, no encontro da RAG en torno a Celso Emilio con motivo do Día da Poesía.
María López Sández, no encontro da RAG en torno a Celso Emilio con motivo do Día da Poesía. Ángel Manso

A directora da Sección de Literatura aproveitou a apertura para reivindicar que «os discursos que pretenden silenciar as voces críticas, borralas do espazo público, existían en 1973 e, infortunadamente, non desapareceron máis de medio século despois», advertiu Marilar Aleixandre. «Celso Emilio nunca calou, e nós non calamos», sentenciou.

Social e intimista

Neste sentido, Xesús Alonso Montero quixo analizar en profundidade a figura deste ilustre escritor. «O poeta social con maiúscula» foi igualmente «un poeta intimista. Aló no fondo, o que nos transmite é a ferida que causa na súa intimidade, na cerna do seu espírito, a ferida allea como ferida histórica», sinalou o expresidente da RAG. Alonso subliñou que, canda o carácter político de Longa noite de pedra, as súas páxinas conteñen tamén substancia poética. «Estes textos son altamente poéticos porque neles a espada é, ao mesmo tempo, canción», engadiu sobre un libro «que foi un acontecemento auroral na poesía en idioma galego e un referente, moi poucos anos despois, para moitos letraferidos de España».

Sen perder o fío do que se ía falando comezou o recitado Poesía e sociedade de onte a hoxe. Dialogando con Celso Emilio Ferreiro. A violencia machista, a precariedade laboral, os problemas migratorios e as guerras foron algúns dos temas que saíron a palestra.

Anxo Angueira iniciou as lecturas facendo conversar o seu poema dedicado aos traballadores do metal de Vigo co Monólogo do vello traballador. Con esta composición Celso Emilio incorporou a entrada no imaxinario galego do mundo obreiro. Rosalía Fernández Rial optou por Irmaus. Aproveitou eses versos para poñelos en relación con A reflexión, composición propia tecida arredor da sororidade.

As voces silenciadas das mulleres tamén se atopan na obra do poeta, como o que lle dedicou a María Soliña, a escollida por Ana Romaní. A académica proseguiu cunha propia, incluída n’A desvértebra. A filla do homenaxeado, Isabel, puxo a voz no lugar de Oriana Méndez —que non puido acudir por problemas de saúde—. «O medo o teño eu [dixo entre risas]. A poesía é un dos actos máis valentes que se poden facer», destacou antes de ler O medo.

Marilar Aleixandre; a filla de Celso Emilio Ferreiro, Isabel Ferreiro; e Alfonso Pexegueiro, durante o encontro.
Marilar Aleixandre; a filla de Celso Emilio Ferreiro, Isabel Ferreiro; e Alfonso Pexegueiro, durante o encontro. Á. Manso

A académica Chus Pato abordou «os tempos de miseria» recitando Viaxe ao país dos ananos e Sonora. Ismael Ramos fixo dialogar Os ratos cunha das composicións de Lixeiro; Alfonso Pexegueiro quixo saldar unha débeda que tiña con Celso Emilio e tratou o poema Longa noite de pedra; mentres que Rafa Vilar escolleu As raigames. Marilar Aleixandre pechou con Nota necrolóxica e Fillas do centauro. Tampouco faltou a música para amenizar entre as lecturas. O artista García Mc entoou a ritmo de hip-hop varios poemas de Celso Emilio.