O dicionario é, de costume, unha rémora da fala, de xeito que a norma reflicte, normalmente moi en diferido, a inesgotable creatividade dos falantes. Velaí algunha das últimas adaptacións normativas chundachunda, xeorradar ou oscarizar que levan ben de anos rulando nas nosas conversas. Chámame a atención, neste respecto, que o dicionario académico galego non recolla o substantivo cainismo e, aínda máis, que o español só refira unha acepción (actitud de odio o fuerte animadversión contra allegados o afines), deixando de lado outra, moi importante do punto de vista biolóxico, a saber, o tipo de actitude agresiva, adoita en aves rapaces e certos primates, dos irmáns maiores cara aos menores, que, mesmo, pode levar aparellada a morte violenta destes.
O cainismo, perfectamente definido entre humanos como fica dito, é, tal que o touro de Osborne, unha marca de país que nos define como colectividade, unha característica, ao igual que o pecado bíblico, fundamentada, e aínda profusamente alimentada, pola envexa, outra das malas artes peculiarmente hispánica. Se ao cainismo e a súa fonte nutricia, a envexa, sumamos a necidade, entón o cóctel pode ser máis letal que un molotov, pois, acolléndonos á cuarta lei de Cipolla, o estúpido é o tipo de persoa máis perigoso que existe. Teño para min que este triángulo perverso (cainismo-envexa-estupidez) dá forma á esencia carpetovetónica, esa que, metida na torva redoma da convivencia, é quen de explicar durante séculos un inesgotable catálogo de xenreiras, intolerancia, odios, inquisicións, fogueiras, vinganzas e fanatismo, ata chegar á quintaesencia do triángulo: 1936, un millón de mortos e corenta anos de campamento.
Conste que non me gusta Raphael. Lembro que unha señora amiga da familia, persuadida da natureza semidivina do artista, preguntábase: E este home cagará? Con todo, que un tío que convocou concertos multitudinarios no Olympia, no Madison Square Garden, no Flamingo, no Royal Albert. Hall, no Talk of the Town e foi entrevistado mediando os sesenta por Ed Sullivan teña que facerse hoxe o sepuku por aparecer en fotos con Carmen Polo merece unha tripla matrícula de honra: en cainismo, envexa e necidade. Así nos vai.