Comprensión lectora

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

LOLITA VÁZQUEZ

Hai algúns anos, un sobriño adolescente preguntoume se dispoñería eu dalgunha edición de La casa de Bernarda Alba, cuxa lectura, polo visto, tiña como tarefa escolar. Alén de razoar para o meu chaleco que os profesores de literatura da secundaria viven cada vez máis divorciados da realidade, estrañoume que o rapaz non recorrese ao consabido expediente de procurar la casa de bernarda alba resumen en Google. Pero, en fin, sería que tiña gana de traballar… Para o próximo finde, xa lle tiña eu preparada a magnífica edición de Francisca Vilches en Cátedra. Non sen certa expectativa polo resultado da xogada, unha quincena despois interroguei con diplomacia o sobriño sobre o drama lorquino. Díxome: «Ba, si, bu, es de una pava que tiene un marrón en casa que te cagas». Non teño o meu parente por máis burrancán nin máis agudo cá media da súa xeración, non. A cousa é que ignorar ou subestimar o devastador efecto da comunicación dixital, epidérmica e rexida pola permanente superficialidade e inconsistencia dos contidos, sobre a lectoescritura de verdade (é dicir, os libros) é ver as nubes e non o ceo. No sempre cruel Informe PISA, España suspende en matemáticas e comprensión lectora. ¡Nos ha merengao!

Será que tanto dispositivo «intelixente» (as aspas son miñas) teima en atrofiar o hemisferio cerebral esquerdo, no que, casualidades da vida, se aloxan as habilidades do cálculo numérico, a interpretación simbólica e a linguaxe? E será, claro. É máis transcendente o cálculo matemático ca entender o que se le? Semella que a lectura se asocia a unha forma máis convencional da «cultura xeral», mentres que as ciencias exactas e naturais son propias de especialistas.

Deste xeito, percíbese como socialmente imperdoable non saber quen escribiu O mercador de Venecia ou Guerra e paz, pero non ignorar a segunda lei da termodinámica ou resolver unha ecuación. En fin, deixémonos de lerias. Ler é entender o mundo; escribir é transferilo, e falar, discutilo e matizalo, manifestacións externas as tres dunha única magnitude interna e transcendental: pensar, unha magnitude, temo, que sobrevive con respiración asistida. Aí lle doe.