Un ensaio afonda na traxectoria de Luísa Villalta, «escritora imprescindible»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Esperanza Mariño presentou o ensaio sobre Luísa Villalta no Museo do Pobo Galego.
Esperanza Mariño presentou o ensaio sobre Luísa Villalta no Museo do Pobo Galego. Paco Rodríguez

Esperanza Mariño repasa a vida e obra da autora en «As escumas da letra»

01 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ofrecer unha imaxe fidedigna e completa de Luísa Villalta, como ser humano e como creadora, ademais de incidir na súa importancia para a lingua e a literatura galegas. Iso é o que persegue o ensaio As escumas da letra. Biobibliografía de Luísa Villalta (Baía Edicións), obra da filóloga, escritora e activista cultural compostelá Esperanza Mariño. «Procurei profundar tanto nos aspectos biográficos como nos relativos á produción literaria, debullándoa polo miúdo», asegura a autora desta publicación dedicada á homenaxeada no Día das Letras 2024.

Mariño explica que a orixe do ensaio está en parte no azar despois de que uns colegas a agasallaran cun volume de poesía de Villalta. «Enchoupeime desa lectura e, tendo en conta que a súa obra me resultaba atractiva tanto pola súa singularidade como por termos apoiado conxuntamente causas comúns, e por publicarmos na revista feminista Festa da palabra silenciada, comecei a escribir. Tamén estiven motivada pola elección da RAG», apunta.

O libro, que foi presentado este mércores no Museo do Pobo, componse de dúas partes, onde os aspectos biográficos de Villalta se complementan co estudo da súa extensa obra literaria. Así, resalta que a homenaxeada nas Letras desenvolveu o seu labor en múltiples eidos, caso da poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio, a tradución, o xornalismo e a crítica literaria. «Ademais, cómpre incluír a edición dunha obra, O doido e a morte (1987), de Raúl Brandão, realizada coa intención de impulsar o coñecemento da literatura portuguesa en Galicia», lembra Mariño.

Que aspectos destacaría de Luísa Villalta que a poden diferenciar doutros autores e autoras? «Foi unha escritora polifacética e complexa, isto mesmo xa a distingue da maior parte. Pero hai unha serie de matices que poden complementar o seu legado literario, como son a súa modernidade avant la lettre. Poderíase destacar a presenza da música, a visión feminista, o apoio incondicional á muller empoderada, pero tamén un firme e explícito compromiso social e político, en especial na defensa do ensino público e da nación galega», responde Mariño. A iso engádelle «un aspecto moi pouco coñecido como é a firme reivindicación do galego exterior. Este é un aspecto que a singulariza entre todos os persoeiros anteriores aos que se lle dedicou o Día das Letras, agás no caso de Armando Cotarelo Valledor».

Esperanza Mariño ten clara a imaxe que lle gustaría que levase o lector de Luísa Villalta despois de percorrer as 164 páxinas de As escumas da letra: «Primeiro, como persoa, a dunha muller empoderada, de sólidas conviccións, valente, anticonvencional e solidaria cos desfavorecidos. Logo, como notable literata, dona dunha obra senlleira dentro da literatura galega».

Recoñécese o suficiente o papel de Luísa Villalta dentro da literatura e a cultura galegas? «Precisamente cando comezaba a ser máis valorada, e ao pouco de recibir o premio Espiral Maior polo poemario En concreto (2004), aconteceu o seu súbito e prematuro pasamento, o que sen dúbida condicionou a recepción da escrita, tanto por a interromper como por quedar un tanto postergada, sen reeditar. Con todo, a conmemoración do Día das Letras implica a súa permanencia definitiva no canon literario, polo que se pode considerar xa consagrada, agora e no futuro, como unha das escritoras imprescindibles», afirma a ensaísta.