Iria Aldegunde adapta como novela gráfica o clásico de Neira Vilas
01 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ela non é unha rapaza de aldea, pero si unha de tantas estudantes que no seu día caeron fascinadas pola lectura de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. «O lin por primeira vez na escola con 11 anos e xa daquela chamoume moito o que narraba», lembra Iria Aldegunde (Santiago, 2000). Trátase da historietista que vén de levar ao formato da banda deseñada o libro máis lido e traducido da literatura galega. Naquel entonces tivo que facer un debuxo para un traballo do colexio. «Era de Pachín e o Xudeo», lembra. Sen ser consciente, entón estaba poñendo a primeira pedra desta novela gráfica que a semana pasada publicou Galaxia.
Na obra Aldegunde pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla nunha aldea galega nos anos corenta cheo de frustración pola súa pobre condición. «Dise que para facer algo universal tes que falar do teu» reflexiona e destaca que «esta obra permitiu botar a vista dun mundo silenciado e esquecido e desde un punto de vista que non era común». Consciente do coñecemento xeral que hai da obra, de entrada tivo unha dificultade: «É un libro moi querido por todos. Para min este foi un proxecto moi especial e único. O reto consistiu en poder trasladar un texto no que se pensa tanto a certas accións para que non resulte monótono nun cómic». De aí que fixera unha selección dos capítulos para poder condensar todo en 80 páxinas coa idea de «ser moi fiel e centrarme, sobre todo, no tema da soidade».
Na adaptación a autora mostrou claramente ás súas filias e fobias. «Pachín [o can de Balbino] é para min un personaxe precioso dende a primeira vez que lin o libro, porque aínda que non fale ten unha personalidade tremenda. Pero o que más me gustaba debuxar foi o Manolito [o fillo do señorito] da rabia que lle tiña. Odiábao tanto que cada vez que aparece brilla. Encántame odialo. E que lle tiña unha carraxe tremenda ao Manolito e o fixen case cadavérico, resaltando toda esa maldade súa que era como a morte da felicidade de Balbino», sinala.
Para crear todo ese universo rural, Aldegunde tivo en conta «todas as ilustracións que puiden atopar». Pero tamén fixo un traballo de campo na zona do Deza —onde supostamente está situaba a aldea do protagonista, xa que Neira Vilas naceu en Vila de Cruces— que mesturou coa súa propia aldea por parte de pai: «É Golás, en O Corgo, Lugo, e ten só unhas poucas casas con 12 habitantes. Na miña aldea hai lousados, non tellados. E todo iso o tiven en conta para recrear a contorna que se describe no libro, que é diferente» .
O cómic aparece agora nas librarías e ben podería converterse nunha vía de acceso ao orixinal. «O contemplo así —confirma—. O libro ten un vocabulario máis perdido e difícil, pero quen queira lelo como unha obra en si está perfectamente para ser dese xeito. Linda Hutcheon dicía no seu libro Teoría da adaptación do 2006 que unha adaptación é unha derivación non derivada. É dicir, que o contido é o que queda a través dos temas. Podes tratar unha mesma narrativa desde diferentes ángulos. Eu optei por ser fiel, pero quería tratar eses sentimentos. É unha especie de tradución mutando de medio».