Manuel Gusmão e nós

CULTURA

22 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se non estou mal informado, Manuel Mendes Nobre de Gusmão (Évora, 1945-2023) é un escritor moi pouco coñecido en Galicia e, tamén, noutras partes de España, malia ser autor dunha obra ensaística e poética de notable entidade e importancia. No seu país, aínda sendo militante moi activo do PCP, no que foi deputado, recibiu premios de elevado prestixio, entre eles, o de poesía do PENClub (1997), o Vergílio Ferreira polo conxunto da súa obra (2005) e a Medalha de Mérito Cultural do Goberno portugués (2019). Foi tamén un estudoso das Letras francesas, eido no que cómpre salientar a revista de estudos literarios Ariane, que el fundou en 1982, e a súa tese de doutoramento sobre Francis Ponge, poeta que traduciu ao portugués. Manuel Gusmão faleceu o 9 de novembro do presente ano sen que as musas do xornalismo galego se espreguizasen.

Dalgún xeito, non era alleo a nós, ao acontecer filolóxico de Galicia. Seu pai, Armando Nobre de Gusmão (1911- 1991), moi coñecido como bibliógrafo, foi quen acompañou a Aníbal Otero (1911-1974) nas indagacións lingüísticas do norte de Portugal no verán de 1936 para elaborar o ALPI (Atlas Lingüístico de la Península Ibérica). Otero, o noso lingüista, foi detido en Valença do Minho, o 5 de agosto do 36, pola Policía portuguesa, convencida de que era un espía republicano, pois o noso investigador apuntaba nos seus cadernos, en alfabeto fonético, as palabras oídas aos camponeses daquelas aldeas.

O caso foi que o 5 de marzo de 1937 Otero foi xulgado en Vigo por un tribunal militar que o condenou a «pena de reclusión perpetua». Era vogal ponente deste tribunal o mesmo que fora fiscal no que xulgara, meses antes, a Alexandre Bóveda: Ramón Rivero de Aguilar.

Pois ben, neste clima de terror, Armando Nobre de Gusmão tivo a valentía de acudir a Vigo o día en que foi xulgado Aníbal Otero, pese a que fora advertido pola Policía portuguesa «de que podía entrar en Espanha, mas que talvez não poderia sair». Son as palabras do fillo recolleitas polos meus amigos Arturo Reguera e Albertina Estrela no 2010. A entrevista reprodúcese no meu libro dese ano.