O festival EmigraSON levará a Bruxelas a The Rapants, Grande Amore e Lontreira
CULTURA
Impulsado por emigrantes galegos, celebrará a súa segunda edición e contará tamén con Ataque Escampe e Catuxa Salom
13 dic 2023 . Actualizado a las 18:34 h.A emigración e o son fundidos nun só termo para sintetizar as intencións dun festival moi particular. O EmigraSON celebrouse por primeira vez en marzo deste ano en Bruxelas e volverá a repetirse en marzo do 2024. De novo coa filosofía de levar «a música, cultura, tradición e vangarda á capital europea». O 9 de dito mes terá lugar a parte central do festival coas actuacións de The Rapants, Grande Amore, Ataque Escampe, Catuxa Salom e Lotreira. As entradas saen a venda o venres 15 de decembro nunha ligazón que publicarán nas redes sociais do evento o mesmo día. Advirten: «O ano pasado voaron en 15 minutos, así que recomendamos estar conectadas ás 13 horas en punto para mercalas». O custe será de 30,60 euros.
O festival naceu co pulo de sete emigrantes galegos mozos afincados na cidade belga, que pensaron en ofertar un evento prensado precisamente para a mocidade emigrante en Bruxelas. Na primeira edición acudiron a súa chamada Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Berto, Lemon Pears y The Rapants. Actuaron na sala The Embassy, un pequeno local sito na capital belga que se encheu para escoitar esa escolma da música que actualmente se fai en Galicia ligada ao pop-rock.
Nesta nova edición repiten The Rapants, de Muros. Trátase dunha das bandas do ano na música galega. Actuou durante o pasado verán en todo tipo de festivais. Adscritos a uns parámetros indie-rock que bebe de fontes como The Strokes, Franz Ferdinand, Two Door Cinema Club e Arctic Monkeys, os temas de O corasón como un after converten o escenario nunha festa xuvenil que se estende á audiencia.
Pola súa parte, Grande Amore é outro dos nomes habituais nos carteis dos festivais. A seu electro-rock canaliza os textos de Nuno Pico, creador de himnos posadolescentes que se cantan a berros nos seus concertos. Ataque Escampe é xa un pequeno clásico que vén de sacar Cabalgata, o seu novo traballo cheo de sons sintéticos. E Catuxa Salom mestura folclore galego con ritmos tribais latinoamericanos para cantar ás raíces, o feminismo e a vida rural
O listado de artistas se completa con Lontreira, un novo grupo da Illa de Arousa que nutre a nova escena de formacións que miran á tradición desde a electrónica