O vello Portomarín emerxe a través da realidade virtual: «Vin a casa onde nacín»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

Adrián López, veciño de Portomarín, este luns na Cidade da Cultura
Adrián López, veciño de Portomarín, este luns na Cidade da Cultura XOAN A. SOLER

O proxecto Galiverso, na Cidade da Cultura, recrea con todo detalle o pobo antes de quedar asolagado polo encoro de Belesar en 1963

20 nov 2023 . Actualizado a las 18:37 h.

«Vin a casa onde nacín, as rúas...». Quen fala despois de colocarse unhas gafas de realidade virtual é Adrián López. Tiña 16 anos cando en 1963 as rúas que percorría diariamente por Portomarín quedaron asolagadas coa construción do embalse de Belesar. Este luns puido volver a pasear por elas, aínda que fose virtualmente, coa última proposta da iniciativa Galiverso da Cidade da Cultura. «Meu avó e meu pai tiñan a estafeta de Correos, entón eu desde moi pequeno axudeille a repartir e coñecía todas as casas e os apelidos da xente que vivía nelas. Recoñecín a casa de todos. [...] Vino tal e como era, está todo moi aproximado», continúa o relato este veciño, que aínda lembra como os mozos borraban a letra «f» de Fenosa que pintaran nas casas tras as expropiacións para que dixera «é nosa».

O vello Portomarín emerxe de entre as augas coa recreación a través de realidade virtual de máis de 250 casas cos seus tellados característicos de lousa, as cepas, a vexetación, o río e edificios emblemáticos como o Hospital de Peregrinos e a igrexa de San Nicolás, que foi trasladada pedra a pedra á nova localización antes do asolagamento e agora é o punto de partida desta viaxe no tempo. «Portomarín xa non está baixo as augas, senón dentro dunhas gafas», sentenciou a xefa de servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, Fátima García.

Para recrear como era aquela vila ao carón do vello leito do Miño antes de 1963 tivo especial importancia o arquivo do José López, de Foto Pereira, con más de 40.000 fotografías nas que tiña retratadas todas as casas. Tamén foron empregadas gravacións en vídeo que se conservan na Filmoteca de Galicia, así como a propia memoria das persoas que coñeceron o vello Portomarín.

cedidas

Neste novo proxecto de dixitalización do patrimonio impulsado desde a Xunta para poder visitar o antigo Portomarín traballou durante os dous últimos anos un equipo multidisciplinar no que participaron profesores de Historia da Arte da Universidade de Santiago e membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, especialistas do Centro Infográfico Avanzado de Galicia e membros do estudio dixital Maxina, entre outros. «Isto permite transmitir as novas xeracións como era Portomarín», apuntou Jesús Ángel Sánchez, profesor da USC. Nese sentido, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Manuel Vila, apuntou que «trátase de recuperar a memoria dun pobo».

A proposta está dispoñible desde este martes 21 no Museo Gaiás. A experiencia do Galiverso é gratuíta con reserva previa a través de Ataquilla. De martes a venres o horario é de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Pola súa banda, os sábados, domingos e festivos (agás os luns) amplíase e é de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas. A idade mínima para poder acceder ao Galiverso son os 8 anos. Os menores de 12 anos deberán ir acompañados dunha persoa adulta responsable. 

A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, lembrou que desde a primeira experiencia de Galiverso máis de 10.000 persoas se puxeron as gafas. Ademais xa avanzou unha próxima aventura sensorial, Hábitats. Natureza estendida, que se inaugurará en decembro.