A Quenlla canta os poemas do esquecido poeta Avelino Díaz

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A presentación fíxose este martes en Santiago.
A presentación fíxose este martes en Santiago. Paco Rodríguez

A agrupación escolleu doce poemas deste autor da Terra Chá «encantador, pouco coñecido e pouco recoñecido»

08 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa trinta anos que Mero Iglesias, un dos fundadores de A Quenlla, escoitou falar de Avelino Díaz, un chairego emigrado e exiliado político que foi director de diferentes publicacións da colectividade galega, autor de obras de teatro e de máis dun milleiro de poemas. Foron As Brigadas Chairegas quen llo descubriron, e, anos despois, Neira Vilas e Anisia Miranda os que lle detallaron o traballo poético deste home, amigo de Castelao e de Suárez Picallo. «Despois, lin a obra completa del de arriba a abaixo, e pareceume un poeta encantador, un emigrante que se fixo a si mesmo», conta Mero.

Pero non sería ata moito despois, antes da pandemia, cando tres colectivos, a Asociación Avelino Díaz, a Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María, decidiron «tirarse á piscina, e ofrecéronnos facer unha monografía del», relata o escritor e músico vilalbés.

Foi así como naceu o último disco de A Quenlla, que este martes se presentou en Santiago. Doce cancións nas que se mesturan temas infantís, de afecto e de amor a Galicia: «hai dous cantos de amor a Galicia que son impresionantes», corrobora Mero Iglesias. É unha aposta arriscada, xa que todo o traballo é dun poeta non coñecido; por iso precisamente para os autores é importante revalorizar e dar a coñecer a obra deste galego exiliado. Un persoeiro que, segundo Iglesias, «é unha figura moi pouco coñecida e moi pouco recoñecida». Este é só un paso máis para o maior recoñecemento de Avelino Díaz, de quen hai aínda moita obra inédita. Quizais para que un día, non moi lonxe, se lle poida dedicar o Día das Letras Galegas.

Os doce poemas están sacados dos libros do poeta publicados en galego, maiormente de Debezos e Pallaregas. Tamén publicou en castelán Flor de retama e un libro póstumo, 11 poemas a Castelao. No disco hai varias participacións doutros músicos, e, en moitos dos temas, o grupo comparte autorías e arranxos: «Saíu un disco moi cuquiño, feito con moita ilusión e afecto, e isto nótase», enxalza Mero.

Emigrado en Bos Aires

Avelino Díaz marchou por necesidade económica a Bos Aires, e alí soubo formarse e produciu unha obra inmensa, entre a que se inclúen pequenas pezas teatrais e polo menos seis poemarios deixados dispostos en cartafoles e que permanecen aínda inéditos. Desde que se refundiu no 2014 a Asociación Cultural Avelino Díaz, na que se integran case 40 entidades de toda índole da comarca de Meira e Terra de Miranda, o obxectivo desta plataforma foi claro: promover a investigación e a divulgación da vida e a obra deste autor. Dentro de todas as iniciativas que xurdiron, apareceu a idea de publicar un disco con cancións creadas a partir da poesía de Avelino Díaz. Mesmo diversos grupos musicais compuxeron temas con poemas do autor, como a Banda de Música Municipal de Meira, a Coral de Riotorto, The Tripa Street Band, Voladura ou Tango en Xaneiro, entre outros. Todo empezara en 1977 co poema Meniño labrego, ao que lle puxo música Xerardo Moscoso para incluílo no álbum Acción galega, unhas das iconas da nova canción galega.

«Agora presentamos este traballo, que, ademais, é unha anormalidade; a quen lle vai interesar poñerse a gravar un disco dun poeta descoñecido? Pero A Quenlla púxose, e quedamos moi satisfeitos», remata Mero.