Camposancos, na Guarda (Pontevedra), foi un dos trescentos campos de concentración existentes na España de Franco, moitos deles xa desde 1936 (San Simón, Rianxo, Lavacolla...). No de Camposancos padeceron e foron executados 49 asturianos, «soterrados en Sestás», como reza o programa dos actos deste ano nos que a presenza de parentes de Asturias (sanguíneos ou ideolóxicos) foi moi numerosa. Eu tiven a honra de impartir unha lección titulada Poemas escritos nas prisións franquistas (1937-1974): breve crestomatía con textos en galego e en castelán, dous inéditos. Editáronos, co programa, os organizadores habituais da conmemoración anual, a Unión Comarcal de Comisións Obreiras (Vigo) e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás. Na crestomatía figuran textos de Miguel Hernández (Nanas de la cebolla) e de Josefa García Segret (Epitafio), de Marcos Ana (Mi corazón es patio) e de Enriqueta Otero (Rosalía de Castro), de Rafael Bárez (Para Julio Aneiros) e de Evaristo de Sela (Nochebuena en el penal), de Celso E. Ferreiro (Longa noite de pedra) e de Xesús Redondo Abuín (Cadeas)...
O programa tamén ofrecía versos foráneos, catro, antolóxicos, do poeta turco Nazim Hitmet, que penou nas mazmorras do seu país doce anos (1938-1950): «Debes saber morrer polos homes / e, ademais, por homes que quizais nunca viches / e, ademais, sen que ninguén te obrigue a facelo, / e, ademais, sabendo que a causa máis real e bela é vivir». Non faltan no programa as citas de textos en prosa escritas, por ilustres presos políticos, nos cárceres fascistas, entre eles, Antonio Gramsci, capaz de escribir nas cadeas de Mussolini (1926-1937) unha das obras máis orixinais do pensamento político europeo do século XX: Quaderni del carcere. Nun coñecido texto en prosa de Marcos Ana preguntábase como lograran saír dos muros carcerarios obras como o manuscrito de Ana Frank ou a mensaxe dramática que enviou, nas horas da Guerra Civil, un preso portugués que escribira co seu propio sangue. Outra proeza dos presos políticos.