O premio Otero Pedrayo 2023 distingue o labor do profesor Darío Villanueva
CULTURA
O galardón recoñece os seus «méritos no académico, na investigación e na actividade profesional como crítico literario e escritor, así como no institucional».
23 oct 2023 . Actualizado a las 22:56 h.Darío Villanueva (Vilalba, 1950) é o novo Premio Otero Pedrayo. Impulsado pola Xunta e as catro deputacións provinciais, o seu xurado —reunido este luns no pazo de San Marcos, sede da deputación luguesa— vén de fallar o galardón deste 2023 a favor do profesor e filólogo, polos seus «méritos no académico, na investigación e na actividade profesional como crítico literario e escritor, así como no institucional». O galardón —instituído en 1977, cando se distinguiu a Carlos Casares— está dotado con 16.000 euros e recoñece a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e do coñecemento, como é exemplo Villanueva, que toma o relevo do xenetista Ángel Carracedo.
O xurado, composto por representantes do Goberno galego, as catro deputacións, as tres universidades, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Fundación Otero Pedrayo, destacou a traxectoria do filólogo vilalbés —Premio Fernández Latorre no 2015 como director da Real Academia Española—, autor de numerosos ensaios sobre escritores como Ramón María del Valle-Inclán, Azorín, Gonzalo Torrente Ballester, Camilo José Cela e Emilia Pardo Bazán. Foi catedrático de Teoría da Literatura e de Literatura Comparada da Universidade de Santiago, da é profesor emérito e da que tamén foi reitor.
O Premio Otero Pedrayo busca perpetuar e honrar a memoria do ilustre galeguista, promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e as súas institucións.