A RAG pon en marcha unha nova edición de «Toponimízate»
10 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Para este outono, a Real Academia Galega pon en marcha unha nova edición de Toponimízate, unha campaña de divulgación e promoción da recolla colaborativa de microtopónimos. A iniciativa chegará a unha ducia de concellos das catro provincias, con charlas nas que o público coñecerá a orixe e o significado dos topónimos dos seus respectivos municipios, parroquias e aldeas, pero tamén se abordará o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, que permite á cidadanía colaborar na recollida de nomes de leiras, fontes, camiños e outros microtopónimos que corren o risco de se perder. Dende a súa posta en marcha no 2019 e ata agora, máis de 3.200 persoas achegaron xa máis de 67.000 destes nomes de lugar.
Esta nova campaña presentárona onte na Fundación Seoane da Coruña o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. «Estamos a facer un grande esforzo pola recuperación, a defensa e a posta en valor dun dos patrimonios máis importantes do país: a toponimia. Cada nome de lugar leva detrás toda a historia das persoas que habitaron a terra. É un diálogo entre onte e hoxe, entre os devanceiros e os contemporáneos que debemos manter e transmitir», afirmou Freixanes. Pola súa banda, García revelou que diversas comunidades autónomas contactaron coa Xunta para replicar a plataforma Galicia Nomeada nos seus territorios. «Non debemos conformarmos —salientou—, temos que seguir sumando máis voluntarios culturais, máis asociacións e máis centros de ensino».
A primeira das charlas celébrase mañá no centro sociocultural de Friol, ás 12.30 horas. A partir de aquí, a campaña chegará a Becerreá (19 de outubro), Vila de Cruces (día 20), Tui (día 26), Trasmiras (27 de outubro), Padrón (2 de novembro), Amoeiro (9 de novembro), A Pobra do Brollón (10 de novembro), Dumbría (17 de novembro), Maceda (21 de novembro), Ponte Caldelas (24 de novembro) e Narón (1 de decembro). Becerreá a Maceda son dous dos dez concellos dos que aínda non se incluíu ningún topónimo en Galicia Nomeada. As charlas correrán a cargo de Vicente Feijoo, e conta coa colaboración de Gonzalo Navaza.