Ernest Hemingway, nacido en Chicago o 21 de xullo de 1899, chegou por primeira vez a Galicia en barco o 18 de decembro de 1921, cando tiña 22 anos e comezara a escribir artigos para o xornal do Canadá The Toronto Star Weekly. A súa chegada a Vigo provocou nel unha fonda emoción, impresionado pola paisaxe que rodeaba un porto cercado de montañas de color pardo e con case todo a uns prezos baratos, sobre todo o viño e o coñac. Na ría viu tres grandes atúns que parecían ferver na auga e informouse de que o máis grande que pescaran aquel ano chegara a pesar 850 libras.
Así comezou o seu namoramento de Galicia e dos galegos, que tería unha feliz continuidade cando colleu un coche barato e subiu a Compostela, unha cidade que o namorou de tal maneira que logo non pararía ata volver para vivir nela. Se en Vigo exclamara: «Este si que é un sitio para un macho!», en Santiago descubriría un lugar moi axeitado para o seu espírito inquedo, é dicir, un lugar para volver. Por iso, tras seguir a París, acabou por regresar en 1927, e as rúas compostelás convertéronse no seu espazo vital preferido durante unha boa tempada, cando vivía no Hotel Suízo, ía pescar troitas polos ríos dos arredores ou viaxaba a unha Coruña que o fascinou.
Froito disto foron as numerosas referencias a Galicia e os galegos que aparecen en varias das súas obras. Porque o que empezara en Vigo non deixou de empuxalo a coñecer case toda Galicia. E, despois de aproximarse con paixón ó mundo dos touros, xurdiu a súa amizade profunda con Antonio Ordóñez, que vivía nun permanente desafío taurino con Luis Miguel Dominguín. As corridas pasaron a ser, para el, unha referencia do valor.
A feliz etapa de Santiago, que o escritor cualificou como «a cidade máis fermosa de España», converteuno nun bo coñecedor de case toda Galicia, que percorreu no seu Ford e que cualificou de «país montañoso» salpicado de lugares fermosos. En 1933 volveu a Galicia e estivo na Coruña. Pero xa estaba de despedida. Porque despois chegou a Guerra Civil e, unha vez terminada esta, Hemingway comezara a afastarse de España, como consecuencia do seu propio apoio á República.