
Juan Castro revisa a historia musical da urbe dende os romanos ata hoxe
18 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O autor apela á provocación titulando a súa obra Aquí non pasa nada (Tris Tram). «É unha sorna a esa maldita frase que tanto se escoita en Lugo, porque, facendo espóiler, ao final digo que, se tras ler o libro chegas á conclusión de que aquí non pasou nada, o problema telo ti, lector», ri Juan Castro (Lugo, 1978). Este mestre de música e compoñente de diferentes proxectos musicais lugueses —actualmente milita en Berta Franklin— centra un extenso volume en repasar a historia do son da cidade, remontándose ata 2.000 anos atrás. «Foi todo tirar do fío —explica—. Empecei a facer un libro sobre os meus recordos musicais, centrado no pop e no rock, que é o que máis coñezo. Pero empecei a entrevistar a xente e, de pronto, vin o rollo beat de Lugo, que me flipou. E seguín tirando e falei das orquestras e a verbena. Logo, apareceron os grandes compositores, como Xoán Montes e Gustavo Freire. E fun máis alá e metinme nos arquivos da catedral, na música culta e, mirando atrás, cheguei aos romanos».
Neste percorrido por tantos séculos existe unha ansia reivindicativa. Pero tamén a intención clara de facer xustiza. Piti Sanz, músico de proxectos como Los Contentos e Di Elas, sempre falaba de que a historia oficial da música galega se limitaba polo xeral á AP-9, quedando cidades como Lugo ou Ourense fóra do foco. «É así —di Castro que, entre moita outra xente, entrevistou a Sanz para o libro—. Semella que, culturalmente, o corredor atlántico sempre levou a medalla. E moitas veces nutríndose de talento e de músicos de Lugo. Hai que dar valor a todo o que pasou aquí, que foi moito».

Apelando de continuo á primeira persoa e chegando a todos os recunchos, Castro fala na súa obra dos grupos e artistas de Lugo. Pero tamén dos empresarios e colectivos que permitiron que esa música, e a doutra xente de fóra, puidese soar nun escenario. Polas súas páxinas desfilan orquestras como New York e Mayka, xunto con grupos yeyés como Los Sénex e Los Alessandi. Tamén tótems do folk como Fuxan os Ventos e Brath, ao lado de formacións roqueiras como Épsilon e Didia. E, igualmente, os apóstolos do garaxe Los Contentos, xunto ao tecno-pop de Leit Motiv. En paralelo, piden o seu protagonismo no libro locais como O Clavicémbalo ou o Dos de Copas.
Existe unha clara intención en Castro de mostrar todo o que hai detrás de xigantes como o San Froilán ou, recentemente, o Caudal Fest, cuxa envergadura eclipsa ás veces todo o demais. «Lugo parece que tiña só eventos en determinadas datas. O San Froilán era onde viñan as grandes estrelas. Pero hai outro Lugo musical que a xente non coñece tanto. Floreceu nos últimos tempos de maneira especial. Hai unha xuventude moi próxima á miña xeración. Programan, invisten os seus cartos e a súa ilusión. Hai unha serie de festivais, como O Facela, o Festiblás ou o Festiblues, que van nese sentido». E, ademais, con éxito: «Agora volve haber público. Parece que a xente aprecia máis o selecto. Pero isto foi unha herdanza dos maiores, que puxeron as pedras antes», recalca.

Fala Castro dunha fuga de talentos espallados por toda Galicia. «Grupos como Semen Up, Siniestro Total, Luz Casal e Os Resentidos tiñan músicos de Lugo. Triunfaron co nome de Vigo ou A Coruña, pero o seu esqueleto era de Lugo», argumenta, e cre con firmeza que, de darse outras condicións, algúns dos artistas da súa terra terían unha repercusión moito maior: «Houbo bandas, e segue habéndoas, que merecerían un sitio máis grande. A culpa débese repartir. O lugués é moi peculiar. En Lugo era difícil saír, pero o músico de Lugo tampouco era moi prolífico, era moi de aquí». Cales serían eses nomes que deberían ter unha maior repercusión? «Por exemplo, Holywater, que é unha banda de referencia no underground, pero creo que merece un posto moito máis arriba no panorama nacional».
Logo, está a maneira na que a cidade desaparece na imaxe pública ao nomear escenas. Arguméntao así: «Seguro que, se falamos do folk de Brath ou Fuxan os Ventos, parece que non son de Lugo, que só son galegos. Semella que o apelido Lugo foi bastante negativo durante tempo. A min pasoume cos meus grupos, que sempre eramos un “grupo galego”. E non é por non querer e por non tirar por Lugo, pero dá a sensación de que historicamente dicir de Lugo é dicir a montaña do Cebreiro; non era tan cool como dicir Vigo».

Os tempos mudan. E unha obra coma esta —para a cal o autor investiu cinco anos de traballo— vai nesa dirección. O presente —no que pasan cousas, moitas cousas— está aí. E novas maneiras de facer música seducen os oídos de aquí e de alá: «Agora está unha rapaza que eu creo que vai a ser unha crack a nivel nacional, que é Laura Lamontagne, que vai con Pico Amperio. Ten un talento brutal», apunta Castro mirando ao futuro. Ese que non debe esquecer o seu pasado.