Falece Xosé Morente Torres, coautor do «Misal galego» e gran impulsor da liturxia na lingua de Rosalía

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xosé Morente, oficiando misa en galego na parroquia de San Nicolás da Coruña, nunha imaxe tomada no 2019.
Xosé Morente, oficiando misa en galego na parroquia de San Nicolás da Coruña, nunha imaxe tomada no 2019. César Quian

Foi coautor con outro pioneiro, Manuel Espiña Gamallo, da tradución ao galego dos evanxeos, «A palabra de Deus» (1965)

04 sep 2023 . Actualizado a las 05:15 h.

Xosé Morente Torres (Santa María de Ois, Coirós, 1932), cóengo da colexiata de Santa María do Campo e párroco —durante máis de corenta anos— de San Nicolás na Coruña, faleceu na madrugada deste domingo. Morente foi un piar no dificultoso proceso galeguizador da Igrexa, un histórico nun labor no que afrouxara as rendas nos últimos tempos, aínda que mantiña o esforzo na folla parroquial Pobo de Deus.

Foi coautor con outro pioneiro, Manuel Espiña Gamallo, da tradución ao galego dos evanxeos, A palabra de Deus, publicada en 1965 na colección As Edicións do Adro de SEPT —a Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos creouse ese mesmo ano co alento de Xaime Illa Couto; como tamén foi o ano da primeira misa ofrecida en galego, celebrada na honra de Rosalía e oficiada polo padre Xaime Seixas Subirá—. En 1966 Morente promove con Espiña un oficio semanal en galego na igrexa das Capuchinas da Coruña. Por ese traballo xordo e sen moito eco social ambos recibiron en 1968 o recoñecemento do Pedrón de Ouro. A pesares do apoio e a insistencia do cardeal Quiroga Palacios, ata comezos do ano seguinte non se logrou a aprobación oficial de Roma para a liturxia en galego.

Pouco antes, a mesma parella intelectual —Espiña e Morente— puxo os alicerces ao crear o Misal galego dos fieis, coa colaboración do filólogo e teólogo compostelán Manuel Vidán Torreira, que en 1964 xa trouxera ao galego o Cantar dos Cantares.

Profesor no seminario santiagués, Morente, defensor temperá do bautizo con nomes galegos, editou ademais O catecismo na escola e colaborou na versión definitiva do Misal romano na lingua propia.