O prazo para presentarse aos Relatos dos Lectores remata o vindeiro día 31

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

A gañadora na categoría de menores de 16 no ano 2022, Ariadna Cambeiro, recibe o seu premio de mans do delegado de La Voz en Santiago, Ignacio Carballo.
A gañadora na categoría de menores de 16 no ano 2022, Ariadna Cambeiro, recibe o seu premio de mans do delegado de La Voz en Santiago, Ignacio Carballo. PACO RODRÍGUEZ

Os textos seleccionados publicaranse en agosto no periódico

20 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mes de agosto volve a literatura de creación ás páxinas de La Voz de Galicia. Faino a través do certame dos Relatos dos Lectores, que chega á súa 24.ª edición. O xornal publicará durante o mes de agosto unha selección dos textos recibidos ata o vindeiro día 31 deste mes, data na que se pecha o prazo. Ademais de ver o seu texto publicado, os participantes poden gañar un premio na súa categoría, a de maiores de 16 anos e reservada a quen non teñan aínda esa idade cumprida. Para os menores de 16 anos, o galardón será un ebook, mentres que para os que xa teñan esa idade ou a superen, a recompensa será un bono para unha estancia dunha noite para dúas persoas nun establecemento OCA Hotels de Galicia ou Asturias en habitación dobre en réxime de aloxamento e almorzo.

A dinámica do concurso mantense igual que en edicións anteriores. Poderán participar todas as persoas que o desexen, con relatos en galego ou castelán, de carácter inédito. Os textos non poderán exceder as 25 liñas mecanografadas de corpo 11, o equivalente a 2.100 caracteres con espazos incluídos nun procesador informático. Os orixinais deben enviarse cos datos completos do seu autor: nome, idade, DNI, enderezo, teléfono, posible e, a ser posible, unha breve nota biográfica e unha foto carné. Os menores de 14 anos deberán achegar unha autorización dos seus pais ou titores legais, ademais dos seus propios datos. Xunto cos datos, o texto en soporte informático se se envía por correo postal. Por correo electrónico, os relatos deberán enviarse ao enderezo relatos@lavoz.es. O enderezo postal para envíos é o seguinte: «24.ª edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da prensa, 84-95. Polígono Industrial de Sabón. 15143 Arteixo. A Coruña».

Un xurado seleccionará de entre todos os recibidos os relatos que se publicarán durante o mes de agosto, tanto na edición impresa de La Voz como na súa web. Ademais, o xornal publicará un cupón para que os lectores poidan elixir as súas pezas favoritas, cupóns que deberán remitir ao periódico (non se admitirán fotocopias). Estes votos serán os que determinen os gañadores de cada categoría. Os nomes daranse a coñecer nas semanas seguintes e os participantes participarán nun sorteo de libros de biblos Clube de Lectores.

As bases completas do concurso poden consultarse na edición dixital de La Voz, en www.lavozdegalicia.es/cultura/.