¿Os galegos len máis libros hoxe que hai 40 anos? ¿Debúxase máis agora que nos oitenta?

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

CULTURA

A lectura aumentou nos fogares galegos nos últimos 40 anos; na foto unha imaxe de arquivo da feira do libro de Lalín
A lectura aumentou nos fogares galegos nos últimos 40 anos; na foto unha imaxe de arquivo da feira do libro de Lalín miguel souto

O Consello da Cultura analiza a evolución do estado sociocultural do país; multiplícanse os hábitos culturais, pero baixa o gasto público

03 jul 2023 . Actualizado a las 17:31 h.

¿Lese máis hoxe ou hai corenta anos? ¿E a prensa, ten máis lectores? ¿As salas de cine, énchense ou están baleiras? ¿E as cadeiras dos teatros galegos? O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de publicar un informa que baixo o nome Corenta anos de cultura galega en estatísticas dá resposta a moitas destas preguntas. Non todos os indicadores teñen datos que permitan comparar a situación do 1983 co do 2003 polo que nalgúns casos os períodos son diferentes pero en resumo unha das principais conclusións desta análise é que os galegos teñen moitos máis hábitos culturais hoxe que a principios dos oitenta. Hai que ter en conta, tal e como lembrou a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, que nestes catro decenios non houbo unha progresión continua, é dicir, pode que hoxe se lea menos que hai cinco anos, pero desde logo máis que nos 80. Os datos debullados así o din: en 1985 so o 37 % dos maiores de 14 anos leran un libro nos últimos tres meses (un 46 % en España), fronte o 55 % da actualidade, máis que a media estatal. Lese máis prensa, triplicouse o número de libros dispoñibles por fogar, aínda que baixou lixeiramente a compra anual destes recursos.

Pero non so de libros viven os galegos. As persoas que tocan instrumentos pasaron dun 5 a case un 9 % e os que debuxan do 5 ao 15 %. En canto á vocación de escribir, pasou dun marxinal 1 % a máis dun 7 %, mentres que os que practican danza ou ballet multiplicáronse por tres. É evidente que a chegada da tecnoloxía axudou a estes hábitos culturais porque os afeccionados á fotografía, por exemplo, son o dobre que nos oitenta. E se en 1986 había 21 teatros por millón de habitantes, hoxe hai 36.

«No 83 Galicia estaba á cola cultural en case todo en relación ao conxunto do Estado e agora está sistematicamente por enriba», explicou Álvarez. Duplicouse o número de bibliotecas, o de salas de concerto e practicamente hai o dobre de museos, «a creatividade nunca nos faltou, pero facíalle falta andar sen muletas», dixo a presidenta do CCG. Parte deses avances teñen unha explicación que vai máis aló do propio interese que poidan ter os galegos polos seus hábitos culturais. O coordinador do observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares, explicou que os índices de lectura aumentaron moito «primeiro porque viñamos dunha situación moi mala e porque a lectura está moi relacionada co ámbito educativo». Non pode esquecerse que a porcentaxe de poboación con estudos obrigatorios medrou nestes últimos corenta anos e a propia ensinanza obrigatoria ampliouse dos 14 aos 16. En canto aos elevados índices de lectura de prensa, que sempre foron en Galicia máis altos que no resto de comunidades, neste caso pesa a tradición de ler o xornal no bar sen esquecer a estrutura de idade de Galicia, moi avellentada, xa que a xente maior le máis a prensa escrita que os mozos.

En proporción hai menos inversión

O único tirón de orellas deste informe é para os investimentos. O gasto público non mudou moito e mesmo «foi para atrás», apuntou Rosario Álvarez. As partidas incrementáronse en cifras absolutas, loxicamente, pero non en proporción. No caso da Administración xeral do Estado, en Galicia pasouse do 0,35 ao 0,21 %, na local destinábase a cultura o 5,37 % dos orzamentos e agora estase no 4,15 %, e na Xunta pasouse do 0,68 % en 1985 ao 0,66 % en 2020, o último ano do que se dispón do gasto liquidado.

O emprego relacionado coa cultura duplicouse en 22 anos

Unha maior oferta, maior produción e máis consumo levan aparellado tamén máis emprego e tecido produtivo. No informe elaborado polo Consello da Cultura Galega recóllese a evolución deste sector que en algo máis de dous decenios (do 2000 ao 2022) pasou das case 17.000 persoas ás 36.500 persoas empregadas, algo máis dos dobre. Se se analiza o seu peso en relación aos outros ámbitos laborais, na comunidade o emprego cultural pasa do 1,7 % no ano 2000 ao 3,3% en 2022 con respecto ao total da poboación activa. En canto ao PIB, este sector supón o 2,2 % do produto interior bruto da comunidade. Hai dous ámbitos en concreto que aglutinan á maior porcentaxe de traballadores, a edición e o audiovisual.

O sector privado da cultura galega ten moito que ver nesta suba do emprego, xa que a súa evolución foi moi relevante. A edición multiplicouse por cinco en corenta anos, pasando de 350 libros ao ano a máis de 2.200. O crecemento é moi superior ao do resto do Estado, por iso a comunidade pasou de inscribir no ISBN o 1,4 % do total de libros ao 2,3 %. A partir da década dos 2000 o sector audiovisual pegou un pulo significativo. O número de produtoras de cine subiu rapidamente e os recursos e profesionais relacionados coa industria da música tamén dobran e triplican as cifras iniciais. O mesmo ocorreu no campo teatral, xa que as representacións incrementáronse máis do dobre e o número de espectadores máis do triplo.

As administracións públicas tamén tiveron que ver con esta evolución porque aínda que é certo que os últimos datos dispoñibles, do 2020, non son os mellores para facer comparacións, ao longo dos 40 anos houbo subas e baixas. No 2005, por exemplo, a Xunta chegou a gastar o 1,3 % do seu orzamento en cultura, pero despois volveu a contraerse.

Este sábado 8 de xullo cúmprense os corenta anos do Consello da Cultura

Sería «un disparate» pensar que toda esta evolución dos hábitos culturais se deben á posta en marcha do Consello da Cultura Galega, tal e como apuntou con modestia a presidenta do mesmo, Rosario Álvarez. Pero desde logo non hai que negar que esta institución foi un piar máis no desenvolvemento do país e sobre todo no fomento da súa cultura. Unha institución que precisamente este sábado 8 de xullo cumpre corenta anos de vida coa aprobación da lei 8/1983, do Consello da Cultura Galega, coa finalidade de defender e promocionar os valores culturais so pobo galego conforme ao previsto no artigo 32 do Estatuto de Autonomía.