
Os galardóns de Novela, Verne e Merlín están dotados con 10.000 euros
18 jun 2023 . Actualizado a las 21:24 h.Pedro Feijoo (Vigo, 1975) obtivo o Premio Xerais de Novela na súa edición corenta pola súa obra Ninguén contará a verdade, un texto que, en palabras do xurado, é «de absoluta actualidade sobre a corrupción política e as súas consecuencias no cal se evidencia un gran traballo de investigación por parte do autor ou autora e onde calquera lector ou lectora pode atopar referentes reais». A novela afonda nun caso de corrupción política que afecta directamente ao presidente da Xunta de Galicia e que está a deixar un regueiro de vítimas. Para a creación deste libro, o autor vigués desenvolveu un gran traballo de documentación e numerosas entrevistas co fin de afrontar a trama dende puntos de vista tan variados como o xornalismo, o mundo empresarial, a política ou a avogacía.
Pedro Feijoo xa ten unha ampla traxectoria literaria, sendo un dos autores de maior éxito de vendas en Galicia, pero tamén no resto do Estado. Nos últimos anos, publicou as novelas Os fillos do mar (2012), A memoria da choiva (2013), Morena, perigosa e románica (2015), Os fillos do lume (2017), Sen piedade (2018) e Un lume azul (2019). Ademais, publicou o libro Camiñar o Vigo vello (2018), un gran éxito no eido das guías urbanas comentadas.
Pola súa banda, o Premio Jules Verne, que xa ten quince edicións, foi gañado por María Reimóndez (Lugo, 1975) polo seu libro Furia. Non é só a historia dunha adolescente buscando o seu lugar no mundo, senón que tamén é un relato coral de tres mulleres de diferentes idades e condicións sociais que, a través das súas experiencias vitais, preocupacións, medos e inseguridades, van tecendo unhas realidades que fan que a trama principal da novela sexa tan importante coma aquelas que concorren nun segundo plano. O xurado valorou a forza do argumento, o manexo da lingua e o carisma dos personaxes. «Escrita cunha linguaxe directa, inclusiva, que reflicte a oralidade e que acada un alto nivel estilístico, sen dúbida está chamada a ser unha das lecturas preferidas pola rapazada», sinala a acta do xurado.
María Reimóndez xa gañou o Premio Xerais de Novela no ano 2014 con Dende o conflito, e tamén presenta un gran percorrido no eido literario. No 2018 gañou o Premio Agustín Fernández Paz coa novela Fóra do normal.
Finalmente, A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo Vázquez, foi recoñecida co Premio Merlín 2023 na súa XXVIII edición. É unha orixinal novela narrada cun estilo preciso e cun notable dominio léxico, que emprega a técnica dos relatos enmarcados para combinar a narración principal en primeira persoa, centrada na realidade do neno protagonista, coa fantasía e a oralidade duns contos magnificamente construídos que se van incrustando en diferentes niveis ao longo da obra.
87 obras presentadas
Leticia Barbadillo Vázquez (A Coruña, 1983) estudou Comunicación Audiovisual, pero dende hai uns anos deulle un xiro a súa vida profesional para traballar como mestra de educación infantil na escola pública. Está é a súa primeira novela.
Este ano presentáronse aos premios convocados por Edicións Xerais 87 obras. Cada un dos recoñecementos está dotado con 10.000 euros. Ademais, no 2023 o Premio Xerais de Novela chega á súa 40 edición dende que en 1984 gañara o galardón Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, que anos despois se converteu nun bestseller da literatura galega.
Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O Parador de Baiona, que xa acolleu as primeiras edicións do acto de entrega dos Premios Xerais, é o lugar escollido para a celebración.
Pedro Feijoo: «A novela é un thriller político baseado na corrupción»
O gañador do Xerais está seguro de que con esta historia haberá xente que se sinta molesta
Para esta historia, Pedro Feijoo quíxolle dar voz a todos os sectores implicados, para o que se entrevistou con moita xente. Aínda así, está seguro que haberá xente que se sinta molesta. «Non quixen ser inxusto con ninguén por iso falei con moitos», explica el escritor.
—Fáleme da novela?
—Eu diría que é unha sorte de thriller político baseado na corrupción, que lle dá un par de voltas a unha pregunta: Que pasaría se un presidente autonómico renunciase ao seu cargo e lle dixese ao seu partido que el se poñería á fronte para postularse á presidencia do Goberno. Unha situación totalmente hipotética! Cando vai pasar unha cousa así? Doulle voltas a iso, e máis cun candidato que non é precisamente coñecido pola súa intrepidez. É unha reflexión sobre cantos tipos diferentes de títeres podemos ter diante. É unha novela moi de xornalistas porque tamén reflexiona sobre como se manexa esa información nos medios de comunicación.
— Entronca un pouco coa novela negra escandinava?
—Está aí, pero non o fago dunha maneira medida porque nin teño a formación suficiente nin o fondo. Simplemente, observo o que me rodea e sáeme da forma que sae.
—Podería ser esta novela o principio dunha serie?
—Durante a pandemia empecei a ver todos os casos de corrupción que saíron en torno a ela. Había moitos e ademais aos editores en Barcelona gústalle moito ese formato; deille voltas a esa posibilidade, e si que este era un primeiro episodio, pero agora non o sei, aínda que opcións hai para facelo.
—Foi duro o traballo de documentación?
—Si, houbo un gran traballo de hemeroteca para o que me axudei de moitos xornalistas, que me ensinaron a interpretar o que se publica. A hemeroteca avisa do que se conta e do que non. Despois fixen entrevistas a persoas de moitos sectores distintos porque quería contar esta historia dende distintas perspectivas.