De vender cera en Santiago a banqueiro e construír o primeiro edificio en Galicia para unha sede financeira

CULTURA

Unha exposición no Arquivo de Galicia profunda nas orixes da actividade bancaria galega, facendo fincapé no Banco Sáenz-Olimpio Pérez e na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago
16 jun 2023 . Actualizado a las 00:42 h.Nos anos 30 do século XIX chega a Santiago o rioxano Manuel Pérez Sáenz e comeza a traballar na cerería de Francisco Rodríguez Arijón, que se convertería co tempo en seu sogro. Un negocio próspero entón tendo en conta a necesidade do produto tanto para uso doméstico e relixioso, pero que se foi expandindo co paso de tempo incluíndo transaccións con América coa importación de coiro ou millo. Logo, empezou a prestar cartos para as pasaxes para aquelas persoas que cruzaban o Atlántico e despois servía de canal para enviar as remesas de cartos. Así xermolaba a entidade financeira compostelá que ía ter a súa principal cabeza visible en Olimpio Pérez, fillo de Manuel.
A historia do que en 1987 pasa a denominarse Banco Gallego é unha das protagonistas da exposición do Arquivo de Galicia De comerciantes a banqueiros. As orixes da banca en Galicia, que amosará ata o 15 de outubro noventa pezas entre libros de rexistros ou de préstamos, bonos, letras e comunicacións e informes co obxectivo de profundar no fenómeno da actividade bancaria nunha época de profundas transformación políticas.
Primeira sede dun banco
Entre os documentos que recolle a mostra ligados a ese banco dos descendentes de Pérez Sáenz atópase un plano para a construción na actual praza de Cervantes de Santiago do primeiro edificio levantado ex profeso para sede dun banco en Galicia no 1886 -o actual Centro Abanca-. O espazo no que se construíu estaba ocupado anteriormente por seis casas que xa posuían, entre as que se encontraba a casa palacio de século XV que pertencera aos vizcondes de Torres Novaes. No foi o único fito protagonizado pola entidade bancaria. Xa que grazas a un crédito de Olimpio Pérez financiouse parte do Hospital Psiquiátrico de Conxo, impulsado desde o Cabido compostelán.
Para trazar a orixe da banca galega, o Arquivo de Galicia escolmou documentación que custodia procedente da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e o Banco Sáenz-Olimpio Pérez, ambos de Santiago, e a Casa de Banco e Comercio Bengoechea, de Ribadeo. Ademais dos fitos ligados á entidade bancaria ligada a Olimpio Pérez, na mostra incídese na intensa actividade da Real Sociedade Económica de Amigos do País , que destacou o patrocinio da creación en 1878 da Caixa de Aforros e Monte da Piedade en Santiago.
No caso da Casa de Comercio Bengoechea de Ribadeo, fundada polo biscaíño Francisco Antonio de Bengochea no primeiro terzo do século XIX, e dedicada á actividade comercial, navieira e bancaria, a exposición pon o foco na súa participación na produción das minas de Vilaoudriz, a máis importante actividade extractiva de ferro en Galicia.
A exposición foi presentada onte polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, apuntando que serve tamén para visibilizar o traballo dos arquivos. Ademais, agradeceu a confianza dos prestatarios da documentación.