Quico Comesaña, Momboi, Sila Lua, Ailá, Terrae, Udra e Moura triunfan nos Martín Códax

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Su Garrido Pombo agradece o recoñecemento recibido como mellor cantautora.
Su Garrido Pombo agradece o recoñecemento recibido como mellor cantautora. Capotillo

Os premios cumpren 10 anos sinalando a Sergio de Miguel como artista emerxente

08 jun 2023 . Actualizado a las 11:57 h.

O Pazo da Cultura de Pontevedra volveu ser este mércores o epicentro da música galega ao acoller a velada de entrega dos premios Martín Códax, uns galardóns que se consolidan «como un elemento de cohesión entre artistas e como plataforma para poñer en primeiro plano todo o traballo dun sector creativo e transformador como é o da música». Así o veu destacar o colectivo Músicas ao Vivo nunha que viviu a súa décima edición.

Inspirado no mundo do viño, dirixido e presentado polo dúo Vaguedades, que forman os actores Isabel Risco e Fran Rei, o encontro arrincou co xornalista musical portugués Filipe Marta entregando os catro primeiros premios a Arrhythmia, Su Garrido Pombo, Udra e Terrae nas súas respectivas categorías. Tras eles, unha das ovacións da noite saudou a saída de Quico Comesaña e o seu Grupo a recoller un melómano —estatuíña realizada polo escultor Víctor Lorenzo— que vén de ratificalo, se non o estaba xa, como unha das referencias actuais, un dos piares en activo do folk galego, mentres que no apartado de música tradicional recaeu en Ailá, formación xurdida nas foliadas da Casa das Crechas de Santiago.

Posteriormente, Ton Risco e Marcos Teira alzáronse como gañadores na categoría de músicas do mundo e mestizaxe co seu proxecto de vibráfono e guitarra, mentres que a Banda Cultural de Salceda atopou recompensada toda a súa traxectoria como banda de música popular.

O grupo coruñés Moura viu recoñecidos os seus rock progresivo e psicodelia, así como o potente directo, mentres que Sila Lua, artista residente en Madrid, destacouse no ámbito das sonoridades urbanas. A gala dos Martín Códax, de igual xeito, referendou o labor e o esforzo de Dani Dopazo ao fronte da Orquestra La Oca Band, de Vilalonga (Sanxenxo), ao tempo que destacou ao percusionista e artista sonoro Mario G. Cortizo na categoría de músicas clásica e contemporánea.

Polo escenario do Pazo da Cultura tamén pasaron o proxecto de David Regueiro Trío co violinista belga Alexandre Cavaliere, no apartado de jazz e músicas improvisadas; os integrantes da banda de Noia Momboi, no de pop e indie; e Pillaband, no de música infantil.

Mentres que nestas categorías só votaron os socios de Músicas ao Vivo, a de artista emerxente estivo aberta ao público ata o pasado 4 de xuño. Neste apartado, o galardoado foi Sergio de Miguel, pianista e compositor de Vigo. Formado en Berklee e radicado en Estados Unidos, «aos seus 21 anos, está colleitando outros importantes recoñecementos este ano como o da publicación especializada en jazz Downbeat Magazine. Como compositor, fusiona as súas raíces galegas co jazz e as influencias latinas. O pasado ano tamén foi un dos gañadores do concurso Yamaha Young Performing Artists, que recoñece nos Estados Unidos aos mellores músicos novos de clásica, jazz e contemporánea», destacaron.

No canto dos premios Organistrum, o melómano na categoría de salas de concertos recaeu na Rebullón, de Mos, mentres que a Foliada da Fonsagrada foi premiada na de festivais e a plataforma Galiciantunes na de comunicación e difusión.

«Hai que poñer o talento galego no centro»

Se pechada foi a ovación coa que foi recibido Quico Comesaña, outro tanto se pode decir de Luz Casal, á quen lle fixeron entrega do galardón honorífico desta edición no colofón da gala. Recibiuno da man de Xoán Antonio Allegue López, presidente das Bodegas Martín Códax, e de Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, quen recoñeceu «a súa riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora».

Desde Músicas ao Vivo salientaron, non só o éxito da cantante de Boimorto entre o público que a segue desde hai décadas, senón tamén pola súa «maneira de construír a súa carreira, que é un paradigma para a comunidade artística». O certo é que Luz Casal, subliñaron, «está vivindo un ano pleno para a súa carreira, cunha xira de concertos coas entradas esgotadas en España e Francia, e con novo disco, Las ventanas de mi alma».

Organizados por Músicas ao Vivo, co patrocinio e o apoio das Bodegas Martín Códax, do Concello de Pontevedra, da Axencia Galega das Industrias Culturais-Xunta e a Deputación de Pontevedra, os premios Martín Códax da Música tamén son reivindicación. Así, a xunta directiva da agrupación impulsora Músicas ao Vivo tomou a palabra para «animar a músicas e músicos do país a loitar de maneira colectiva pola dignificación e a profesionalización da súa actividade e convidalos a asociarse» a este colectivo xurdido no ano 2008 co obxectivo, entre outros moitos, de aglutinar as inquedanzas, enfrontar os problemas e reforzar as demandas dos artistas galegos. Teñen moi claro que «é necesario fortalecer a contratación de proxectos galegos nas programacións culturais. Hai que poñer o talento galego no centro. Os premios Martín Códax son clara mostra de que potencial non falta», proclamaron.

PALMARÉS 2023

Blues, funk e soul: Udra

Folk: Quico Comesaña + Grupo

Rock e punk: Moura

Pop e indie: Momboi

Música clásica e contemporánea: Mario G. Cortizo

Electrónica: Terrae

Jazz e músicas improvisadas: David Regueiro Trío feat. Alexandre Cavaliere

Músicas do mundo e mestizaxe: Ton Risco e Marcos Teira

Canción de autora: Su Garrido Pombo

Músicas urbanas: Sila Lua

Música tradicional: Ailá

Metal e heavy: Arrhythmia

Música infantil: Pillaband

Orquestas, grupos e música de verbena: La Oca Band

Bandas de música popular: Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas

Artista emerxente: Sergio de Miguel