
A intervención artística do escultor ourensán consiste nunha capela-oratorio
31 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Unha cidade sempre ten que ter unha capela, e, aquí, a Cidade da Cultura non a tiña». Baixo esta premisa, o escultor Acisclo Manzano (Ourense, 1940) explicou a peza que concibiu para as zonas verdes do Gaiás que flanquean o complexo arquitectónico. O prisma dos sentidos «é un oratorio, unha capela, un dolmen, un panteón...», afirmou este martes o artista nun acto xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
O conxunto escultórico, de gran formato e realizado en formigón, está situado na ladeira do monte paralela á Vía da Prata, e inspírase nos santuarios e pequenos refuxios empregados polos peregrinos. Ademais, foi pensado como un lugar «onde a xente poida sentarse, ver a catedral de Santiago e rezar», apuntou o escultor. Desde o punto no que está emprazada a obra, rodeada de árbores, pódese gozar dunha boa vista da cidade e das torres da basílica. As paredes desta capela-oratorio están perforadas con figuras de rostros, ondas e estrelas, que permiten que a luz, o vento e auga da choiva penetren formando xogos evocadores. Tamén conta con canzorros decorados para ofrecer unha maior semellanza cunha capela.
A instalación tamén inclúe unha lousa que recrea a tumba dun suposto peregrino. O escultor incluso creou unha lenda arredor dun tal Álvaro de Coimbra, «que levitou ao ver a catedral» desde a zona na que se sitúa a obra no Gaiás. «É unha homenaxe aos peregrinos e a Galicia», incidiu Manzano ao glosar a súa nova creación.
O proxecto do escultor ourensán súmase a outras intervencións artísticas con temática xacobea realizadas nas corenta hectáreas de espazos verdes que circundan a Cidade da Cultura, caso de Espellos, de Manolo Paz; Zapatos no Camiño, de Francisco Leiro; Constelacións II, de Clara Montoya; e Deixa aquí os teus medos, de Alicia Framis. «O que propuxemos é darlle tamén unha referencia cultural e artística a este espazo natural facendo un bosque de esculturas», profundou Román Rodríguez, para engadir que o conxunto artístico de Acisclo Manzano —«que coa súa traxectoria non podía faltar neste lugar», subliñou— está moi ben mimetizado coa natureza da zona e «vaise converter nun fito máis do Gaiás».