A costa galega

CULTURA

Mar bravo no entorno de Illa Pancha, en Ribadeo.
Mar bravo no entorno de Illa Pancha, en Ribadeo. Pepa Losada

30 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é un pobo mariñeiro por excelencia. Cuns 1.500 km de costa, somos a comunidade peninsular con máis exposición ao mar, superando incluso a Portugal que ten sobre 850 km. Este feito marca fondamente a nosa personalidade atlántica tan influenciada polo salitre. A costa, dende Ribadeo ata A Guarda, está chea de poboacións de diferentes entidades que na actualidade e por desgraza apenas manteñen nin a súa estética nin a súa esencia orixinal. Obstinadamente e dende mediados do século XX, fomos deteriorando ese patrimonio que noutras coordenadas non moi afastadas, como Asturias ou Cantabria, foron capaces de manter bastante mellor.

Moitos factores sumados xeraron esta degradación arquitectónica, social e cultural tan devastadora que, pese a non ser exclusiva da nosa costa, é nela onde tristemente chama máis a atención. As fachadas marítimas da inmensa maioría destes lugares foron maioritariamente desfeitas para substituílas por unha zaragallada de construcións ás que moitas veces é imposible atoparlles un sentido minimamente razoable. O problema é que con todo iso tamén van aparellados outros desastres, como a progresiva e rápida desaparición de tradicións, aparellos, artes, embarcacións, etcétera.

Fomos e seguimos sendo un pobo de grandes homes de mar. Paio Gómez Chariño, Xoán de Novoa ou Casto Méndez Núñez son algúns exemplos de ilustres navegantes de orixe galega, entre moitos outros. Grande e importante recoñecemento para eles, mais tamén hai outros protagonistas, na inmensa maioría dos casos, anónimos, que merecerían a nosa gratitude.

E aquí é onde rexurde a imaxe dos mariñeiros que vivían e viven nas ribeiras dos 1.500 km de costa galaica. Os que diariamente saían e aínda saen ao mar faenando valorosamente para sobrevivir a través da historia e en tempos ben máis difíciles que os actuais. Sempre admirei estas xentes que nos deixaron un gran legado de nobreza, forza e supervivencia, ao tempo que grazas a eles aínda sobreviven rastros impagables do seu traballo no patrimonio cultural, como as súas artes, as súas embarcacións, as súas cantigas, os seus contos, refráns, etcétera. Galicia, unha terra que acariña o mar, tan influínte na nosa personalidade como pobo.