Rosalía, emblema do diálogo entre linguas

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xuan Bello e Antía Otero, entre os que participarán no recital poético.
Xuan Bello e Antía Otero, entre os que participarán no recital poético.

O festival Rosalía en Camiño. Diálogos literarios multilingües celebrarase os días 1, 2 e 3 de xuño, nos que pasará por Padrón, Compostela e Lugo

28 may 2023 . Actualizado a las 23:37 h.

A Fundación Rosalía de Castro anda, con sobradas razóns, empeñada en espallar a figura da autora de Follas novas. Non se conforma co obxectivo cabal de que en cada recuncho de Galicia vibren os seus versos e resoe a súa obra, o seu principal legado, non só no literario, senón tamén nas súas connotacións sociais e políticas. Hai que levar a Rosalía fóra, para que deixe de ser —polo menos, nos currículos escolares— apenas un apéndice da poesía romántica española cando se fala das Rimas e das Leyendas de Bécquer. Neste sentido, unha das interesantes iniciativas da fundación —que preside Anxo Angueira— é o encontro Rosalía en Camiño. Diálogos literarios multilingües, que acada este ano a cuarta edición. Co apoio de Turismo de Galicia e o Parlamento autonómico, e a colaboración dos concellos de Lugo e Santiago e tamén do Museo do Pobo Galego, o festival celebrarase os días 1, 2 e 3 de xuño, nos que pasará, respectivamente, por Padrón, Compostela e Lugo.

O proxecto abrirá ás once da mañá do xoves 1 en Padrón, cunha visita a lugares rosalianos da Terra de Iria, con saída da Casa de Rosalía e guiada por Manuel Lorenzo Baleirón. Na mesma casa, ás oito da tarde, haberá un recital poético cos autores galegos Jesús Castro Yáñez, Antía Otero, Luís López Alonso e Miriam Reyes; a madrileña Sara Plaza e o asturiano Xuan Bello. Un día despois, o venres, trasladarase a Santiago, onde comeza ás dez e media da mañá un paseo por lugares rosalianos de Compostela, con saída na porta Faxeira e guiada de novo por Lorenzo Baleirón. Ás sete da tarde, o Museo do Pobo Galego acollerá un recital no que repiten os protagonistas do encontro en Padrón. Xa o sábado, en Lugo, ás doce da mañá, no panóptico do Vello Cárcere, poderase escoitar poesía da man dos mesmos autores. E, ás cinco da tarde, a poeta e xornalista Nieves Neira Roca iniciará un percorrido polo Lugo literario que inclúe a visita á catedral e á Domus de Mitreo.