Galicia Escena Pro amosará en Santiago a variedade do teatro, danza e circo do país a través de 30 montaxes

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

«Hamelin», de Redrum, un dos espectáculos que poderá verse en formato completo en Galicia Escena Pro
«Hamelin», de Redrum, un dos espectáculos que poderá verse en formato completo en Galicia Escena Pro MONICA IRAGO

O mercado escénico celebrarase desde o 29 de maio ao 1 de xuño coa participación de 180 profesionais do sector. O público xeral poderá asistir a 19 espectáculos

26 may 2023 . Actualizado a las 18:53 h.

Favorecer a compra-venda de espectáculos de artes escénicas. Ese é o obxectivo de Galicia Escena Pro, que celebrará a súa décima edición do 29 de maio ao 1 de xuño, en Santiago, converténdose nun escaparate para a «gran efervescencia creativa» das compañías do país. Para iso programa a representación de 18 espectáculos en formato completo —aos que ademais dos profesionais do sector pode acudir público xeral de balde—, unha ducia de presentacións en formato ‘pitching' de proxectos escénicos en proceso de creación, máis de 400 reunións de negocio, dúas mesas redondas e dous concertos.

No mercado escénico participarán máis de 180 axentes do sector, dos cales 75 son representantes de feiras, festivais, circuítos e espazos culturais tanto de Galicia como de fóra, e máis dun cento son membros de compañías galegas e empresas de produción e distribución de teatro, danza e circo. «É un avance importante a presenza de programadores de fóra, como de Valencia, Portugal...», resaltou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidade da Xunta que impulsa Galicia Escena Pro en colaboración con Escena Galega.

Os espectáculos que se exhibirán en formato completo son Crisálida, de Caramuxo Teatro; Vaivén, de Marcia Vázquez; A nai, de Amorodio Teatro; Arraianos, de Sarabela Teatro; Solo, de Roi Borrallas; Mosca, de Ártika Cía.; Bionic, de La Guajira; Hamelin, de Redrum Teatro; Alleo, de Colectivo Glovo; Vestirme de ti, de Furia Sotelo (estrea absoluta); Outrora nós, de Mevadeus; Sofá, de Marta Alonso Tejada Cía.; In-gobernable, de Uxía Morán; Multiperspectivas #2, de Paula Quintas Cía; 3240, de DeuVe; Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana; Backstage, de NegroLópez; e Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro. Aos 18 galegos úneselle unha montaxe da compañía madrileña Inconstantes Teatro en colaboración con MADFeria.

Jacobo Sutil, director da Agadic, e Santiago Cortegoso, presidente de Escena Galega, presentaron as actividades
Jacobo Sutil, director da Agadic, e Santiago Cortegoso, presidente de Escena Galega, presentaron as actividades Tania Valencia

Na selección de propostas trataron de equilibrar compañías xa consolidadas con emerxentes. «Estamos nun momento de gran efervescencia creativa nas artes escénicas. Hai moita variedade de linguaxes, agora a cuestión é que haxa unha rede que poida acoller isto», dixo o presidente de Escena Galega, Santiago Cortegoso.

O público xeral que desexe asistir ás 19 funcións abertas deberán retirar previamente os convites dispoñibles  (máximo dous por persoa) en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, no Centro Social Abanca, o día que se celebren. As montaxes respresentaranse no Salón Teatro, Teatro Principal, Auditorio Abanca, Fundación SGAE e nas prazas de San Martín Pinario e Mazarelos. Este ano, como novidade, as representación infantís recuperarán o público, que non puidera asistir a raíz da pandemia.

 Entre as actividades complementarias destacan os concertos de Paraíso Teatro o martes na Sala Riquela e o De Ninghures e Mondra o mércores na Sala Capitol.