A RAG reivindicou no Día das Letras a don Paco como «luz nas tebras»

LIDIA FERNÁNDEZ / LUCÍA REY LOURENZÁ / LA VOZ

CULTURA

Un auditorio ateigado escoitou as intervencións dos académicos no pleno celebrado en Lourenzá.
Un auditorio ateigado escoitou as intervencións dos académicos no pleno celebrado en Lourenzá. Moncho Fuentes

Lourenzá, vila natal do homenaxeado, acolleu os actos centrais do 17 de maio

18 may 2023 . Actualizado a las 05:15 h.

Pouco antes do mediodía deste 17 de maio, os representantes das principais institucións galegas encontrábanse na praza do Conde Santo, en Vilanova de Lourenzá. Era o preludio da celebración do día grande das letras, unha xornada que no municipio mariñán veu cargada de festa. Tralos rigorosos saúdos e posados fotográficos, todos os asistentes, encabezados polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, uníronse para homenaxear a unha das figuras máis emblemáticas do galeguismo histórico, o laurentino Francisco Fernández del Riego (1913-2010), de quen moitos dicían onte que foi «luz nas tebras».

Despois das presentacións iniciais, deu comezo o primeiro dos actos programados, un anticipo da sesión extraordinaria e pública da Real Academia Galega. Rocío López, alcaldesa de Vilanova de Lourenzá, foi a primeira en tomar a palabra. Na súa intervención afirmou que estaba moi orgullosa de que o municipio que preside se convertese este ano na capital da cultura galega. E así foi. O encontro reuniu a veciños e tamén a moitos intelectuais, férreos defensores do idioma galego, que acudiron á chamada de homenaxe a un dos principais impulsores do Día das Letras.

«Hoxe é o día de Lourenzá», afirmaba Víctor F. Freixanes. E engadía na súa primeira intervención: «Francisco Fernández del Riego foi un dos promotores do Rexurdimento cultural galego da posguerra. Foi quen lle devolveu a dignidade á lingua nuns momentos nos que se atopaba moi postergada. En definitiva, é difícil entender o desenvolvemento cultural galego da segunda metade do pasado século sen o escritor que nos reúne hoxe aquí a todos», concluía.

O presidente da Penzol

Esta alegación en loanza do autor laurentino non foi a única. Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol, tamén enxalzou no seu discurso a figura deste grande da nosa literatura, facendo mención do que sería o seu derradeiro libro de memorias, Camiño andado, publicado no 2003. Tamén quixo aproveitar para celebrar o que el considera a festa de máis éxito da cultura propia, precisamente nos 60 anos de traxectoria vital da fundación que dirixe, enfocada na defensa do idioma galego e da realidade cultural que representa.

O grupo musical Luar na Lubre foi o encargado de amenizar este evento cultural. Entre os temas escollidos non faltou o himno de Galicia, que puxo punto final ao primeiro dos actos programados para a xornada.

Foi nese momento cando os asistentes se levantaron das cadeiras que ocupaban e ao unísono entoaron a letra do poema musicado Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal. Uns coas mans no corazón, outros con bágoas nos ollos. Pero todos eles cantaron orgullosos ao son de Luar na Lubre e en homenaxe a Fernández del Riego e a todos os homes e mulleres do eido das letras e da cultura que loitaron durante anos pola dignificación e visibilización do idioma galego.

«Honrando a Fernández del Riego honrámonos todos», proclamou como colofón Víctor Freixanes coa evidente aprobación dos asistentes.

Ledo, Alonso Montero e Díaz-Fierros falaron no pleno

Co gallo do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega celebrou un pleno extraordinario en Vilanova de Lourenzá, vila natal de don Paco. A sesión arrincou co discurso de Margarita Ledo Andión, que levou por título «Del Riego: joie de vivre e pensamento útil», no que afondou na consideración que o homenaxeado soubo darlles aos medios de comunicación como esfera pública precisa «para facer que as palabras se tornen coñecemento». Segundo a secretaria da RAG, ideario e acción converxeron na figura de quen, como os lucciole, «os vagalumes da fosa oitava do oitavo inferno da Divina comedia, foi quen de refulxir e fender as tebras da ditadura» franquista. «Del Riego actúa para perder o medo abisal que anula o recordo, que sabe sobordar a dor que encobre o sufrimento, que nunca se vai sentir vencido e que quere partillar esa posibilidade sandadora», subliñou Ledo.

Máis de 4.000 publicacións

Don Paco escribiu máis de 4.000 entregas de opinión, crónicas, conversas e comentarios desde os primeiros anos trinta, cando só era estudante de Dereito, ata o seu pasamento. Xesús Alonso Montero, na súa intervención, rememorou un breve «encontro semiclandestino» que protagonizaron Del Riego e Luis Seoane en Vigo cando o pintor e a súa dona, Maruxa Fernández López, de volta ao exilio arxentino tras pasar un tempo en Francia e Inglaterra, fixeron escala no porto vigués a bordo do buque Highland Princess. Un encontro que Seoane chegou a retratar no seu primeiro libro de poemas dicindo que atopara aos amigos «sumidos en espesas, mouras tebras».

A continuación, Francisco Díaz-Fierros Viqueira pechou a quenda de alocucións académicas do pleno extraordinario da RAG cunha intervención sobre o devir da paisaxe en Del Riego, cara á que o autor laurentino demostrou, ao seu xuízo, «unha singular sensibilidade», con notables referencias a dous espazos vitais fundamentais na súa traxectoria: Lourenzá, a vila natal á que no 2004 lle dedicou o libro homónimo, e Vigo, a cidade que o acolleu no outono de 1939 e que retratou en Vigo sentimental (2001).