Reflexionamos unha vez máis sobre a realidade da lingua galega. Tamén sobre as súas posibilidades de futuro. Nunca cremos nas profecías pesimistas. Tampouco nos fiamos das estatísticas que recontan o aparente mirrar de usuarios do idioma. Se así non fose, teríamos que admitir a anunciada defunción que se tentou provocar durante catro séculos longos de silencio da fala culta. Pero fronte ó agoirento declinio previsto, a lingua sobreviviu na expresión oral popular. Nin os poderes da Administración, do Ensino, da Igrexa, puideron facela desaparecer. Moito tempo despois, xa no XIX, predeciuse que os novos medios de comunicación, o establecemento do ferrocarril, irían enfeblecendo a fala de labregos, mariñeiros e artesáns ata a súa desaparición.
Con todo, fallaron as profecías agoirentas. Pola contra, unha minoría de poetas andou a recoller a nosa espiritualidade, esmigallada como resulta da inercia cultural. Entendían que só así se podía reconstruír a personalidade de Galicia. Posteriormente, un movemento minoritario de intelectuais con formación europea comezou a lle fornecer prestixio á cultura en lingua propia. Ó redor do boletín A Nosa Terra, da revista Nós, do Seminario de Estudos Galegos, o idioma cobraba pulo de porvir.
Despois, ben sabido é o que pasou. O teimudo perseguimento da expresión culta en idioma galego chegou a límites extremos que o réxime ditatorial impuxo. Predecíase novamente a seu definitivo finamento. Mesmo caracterizados filólogos denunciaron publicamente a súa carencia de futuro. Porque só servía, cando máis, para o verso e para a comunicación coloquial. Os feitos demostraron unha vez máis que non cadraban co agoiro dos profetizadores. Volvía rexurdir da desfeita unha das unidades integradoras do mapa cultural de Europa con que contaba Galicia por propio dereito.
A dilatada experiencia de case quince lustros na defensa da lingua, ampáranos na nosa posición antipesimista. Coñecemos tempos de duras dificultades. Soñabamos con obxectivos que en boa parte se foron cumprindo. Lingüistas equipados con rigoroso saber científico, forneceron novo lustre ó idioma. O galego entrou nas aulas, sequera fose en nivel incompleto. A cultura propia está a se cultivar en tódolos eidos da creación, da investigación e do ensaio. Non se acadou, xa que logo, a necesaria normalización. Pero temos fe en que o porvir ofrecerá horizontes positivos ó camiño aberto.
Non hai dúbida de que Galicia vai deixando de ser preponderantemente agraria. A fala que conservou nas circunstancias adversas, pasou do campo á cidade. Está a esmorecer de a pouco na fala o estigma de diferenciación social. É certo que moitos pais que empregan usualmente entre eles o galego comunícanse cos fillos nun castelán mal traducido. O feito, aínda que en incremento, é de antigo costume. Compénsao, malia que parcialmente, a introdución na poboación urbana, imprevisible en tempos non moi lonxanos. Ben nos decatamos que existen moitos atrancos que vencer. De calquera xeito non dan pé ós agoiros pesimistas que se formulan sobre o futuro idiomático.
Quen goza de solvente autoridade para predicir o porvir dunha lingua de maior ou menor dimensión? Quen adiantou a nova do esmorecer do latín imperial? Quen poderá preconizar o que vai suceder co inglés de hoxe? A lingua é un fenómeno complexo realizado por todos os que a falan e a cultivan: O pobo, os escritores, os filólogos... Ningún pode rexela en exclusividade nin aseverar cál será a súa continuidade no tempo. A galega, con existencia de máis de mil anos, manifestouse en épocas de onte e de agora con dobre expresión: a da cultura e a da vida. Claro é que, en certo xeito, a linguaxe vital inclúe á culta, pois a cultura elabórana xentes viventes. E aí segue a loitar polo mañá.