Un concerto ecléctico para celebrar as Letras Galegas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle do Concerto das Letras celebrado no Teatro Afundación en Vigo.
Detalle do Concerto das Letras celebrado no Teatro Afundación en Vigo. Xoán Carlos Gil

A Real Filharmonía ofreceu en Vigo un repertorio clásico e contemporáneo

16 may 2023 . Actualizado a las 21:59 h.

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, ofreceu este martes en Vigo, acompañada polo coro de cámara Rías Baixas, coa dirección de Bruno Díaz, o tradicional Concerto das Letras co que o Consello da Cultura se suma á celebración do 17 de maio. Nesta ocasión, o repertorio consistiu nunha proposta ecléctica, que combinou pezas clásicas con outras de autoría contemporánea. Algo que resultaría moi do gusto de Francisco Fernández del Riego, segundo Cristina Domínguez, do plenario do Consello, quen subliñou tamén que o concerto destaca o vínculo do intelectual homenaxeado no Día das Letras coa cidade de Vigo, onde transcorreu boa parte da súa vida e onde emprendeu tarefas tan significadas como a creación da Editorial Galaxia e da Fundación Penzol.

A velada comezou coa interpretación de Escena e intermedio, de La leyenda del beso, de Reveriano Soutullo e Juan Vert, unha peza que foi estreada en 1924 e moi ligada á cidade de Vigo. A seguir, a orquestra retomou o concerto co Concerto grosso do lucense Jesús Bal y Gay, unha composición en homenaxe a Bach, que data de 1951. Del Riego admiraba ao músico lugués, con quen coincidira no Seminario de Estudos Galegos. Coa terceira obra chegou a música máis contemporánea: unha encarga do Consello da Cultura ao compositor e pianista vigués Brais González Pérez, titulada Sinfonietta. A obra toma como referencia dous poemas escritos en homenaxe a Del Riego e unha cantiga tradicional, A miña burriña, que adoitaba cantar en celebracións. Esta nova obra consiste de tres movementos, Cabeleira de néboas, baseado nun poema de Salvador García-Bodaño, a mencionada cantiga e Corazón do país, que toma como referencia un texto de Xaime illa Couto.

Por último, o Concerto das Letras rematou coa interpretación do Himno galego, ao que se sumou o público asistente.