Brais González, compositor: «Intentei que a 'Sinfonietta' tivese o carácter que creo que tiña Del Riego»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A obra de Brais González estréase este martes en Vigo.
A obra de Brais González estréase este martes en Vigo. Paco Rodríguez

O músico vigués é o autor da peza que se estreará na tarde deste martes no Concerto das Letras que organiza o Consello da Cultura, e que está baseada en textos de García-Bodaño e Xaime Isla e na melodía popular A miña burriña

16 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Brais González (Vigo, 1987) recibiu de Alejo Amoedo e do Consello da Cultura Galega a encarga de compoñer unha peza para o Concerto das Letras que se celebra na tarde deste martes (20.30 horas) no Teatro Afundación de Vigo. Este ano é especial, porque os textos escollidos, de García-Bodaño e Xaime Isla, non son de Paco del Riego, senón sobre Paco del Riego. 

—Que é Sinfonietta?

— A encarga recibina con moita ledicia e moito agarimo, pero supuxo un reto grande, porque é mesturar dous textos de dous autores moi distintos no concepto, na temática, na lírica e na métrica e había que poñelo todo xunto nunha soa obra. Cando comecei a desenvolvela, cando comecei a primeira fase creativa, foi cando me viu a idea de que a obra non fora tanto unha obra coral con orquestra ao uso, senón que fora unha pequena sinfonía. Tiña dous textos moi distintos, que había que musicar tamén de xeito distinto,  e ademais quería xogar tamén cun dato que meu tamén o Consello, que é que a Francisco Fernández del Riego gustáballe moito unha melodía popular, A miña burriña. Tiña todo iso no puzzle que tiña que armar. Foi así como xurdiu a idea de que a obra fose unha pequena sinfonía. Non pode ser grande, porque unha sinfonía grande ocuparía media hora ou corenta minutos e o tempo é escaso neste tipo de encargas. Foi como armei esta obra, que ten tres movementos, que segue a forma habitual dunha sinfonía, pero nun formato moi reducido, cun primeiro movemento que é para coro e orquestra, cun segundo movemento que funciona a modo de intermedio que é só instrumental e baseado n'A miña burriña e cun terceiro movemento, de ritmo máis rápido, co segundo texto.

—Fala de que o proceso creativo foi un desafío. Como se compón a base de textos de outros?

—É que me encanta meterme en canto xardín hai [ri]. Foi un reto a moitos niveis, porque eran textos moi longos e había que acurtalos si ou si, e o de Xaime Isla presentaba algunhas problemáticas, sobre todo métricas, á hora de musicalo. Tiven que coller a tesoira e o pegamento e facer un pouco de tetris co propio poema, reordenando versos e estrofas, quitando dun sitio e poñendo noutro... Por iso tamén tiña certas reticencias a chamalo canción ou utilizar algúns dos termos que se adoita utilizar cando se musica un poema e por iso fun máis cara a idea desta sinfonía coral, porque é onde se soen utilizar fragmentos concretos dun poema para enmarcalos dentro dunha obra musical máis longa e de máis calado. Esa foi outra das razóns que me levaron a esta nomenclatura de Sinfonietta. Foi todo un reto, non sei se o cumprín ou non, iso é decisión da xente que o escoite. 

 —Non hai voces nin instrumentos solistas. Funciona esta peza como un espello da cultura como colectividade?

—Precisamente, co poema de Xaime Isla dinme de conta dunha cousa: o texto é case unha oda á figura de Paco del Riego a moitos niveis, pero decateime de que quitando algunhas palabras e reordenando, as cousas que o autor dicía de don Paco eran atribuibles a Galicia tamén. Sei que é o día de don Paco e o poema estaba dedicado a el, pero Paco del Riego foi unha persona que buscou sempre o mellor para a cultura galega en case todos os seus eidos e pareceume axeitado neste caso o que se di sobre Paco del Riego e o que podemos dicir en xeral da nosa terra e da nosa cultura. Nun contexto no que se está falando como somos como pobo busquei evitar os momentos solistas. Así funciona toda a obra, pero especialmente o terceiro movemento.

 

—O programa do concerto é un percorrido pola vida de Paco del Riego. Como encaixa a Sinfonietta nese percurso vital?

—[Pensa] O programa, feito con moito tino, si que é un pouco unha viaxe do que simbolizou a música e tamén a cidade de Vigo para Del Riego. Para min, como autor, é un pouco atrevido tratar de dicir ou imaxinar que podería supoñer na súa traxectoria. Para min foi algo moi especial recibir ese dato extraído dunha biografía sobre o agarimo que lle tiña a A miña burriña. Del Riego estivo moi vencellado á terra e tamén á miña cidade. Eu son vigués, con todo o que comporta, con todo o que somos para o bo, para o malo, e tamén para en certos puntos da historia cultural de Galicia, o agravio que ás veces sentimos dende o sur. Para min é moi especial como creador vencellar todo o que supón a cidade con todo o que supón a cultura galega. Por iso é unha obra que intentei que tivese o carácter que eu creo que tiña Del Riego. 

Eu a súa figura coñecina na escola nos seus derradeiros anos como presidente da Real Academia Galega. É a imaxe que teño cravada na cabeza. De maior, descubrín moitas outras cousas e a raíz desta encarga, moitas máis. Pero teño unha imaxe moi ancorada nos meus recordos de infancia, do barrio e da miña cidade. Por exemplo, foi moi especial coller un tema como A miña burriña e transformala nunha obra de vangarda, actual e que, como Vigo, se vai desestruturando e volvendo caótica segundo avanza o movemento.

 —Esa transformación é un pouco como o labor de Del Riego de levar ao futuro, á modernidade, a cultura tradicional.

—Precisamente era iso ao que me quería referir, como do acervo e da tradición popular pódense propoñer revisións e lecturas dende a modernidade. Os dous mundos poden convivir perfectamente e ata certo punto retroalimentarse.