«Tirabeque», un fanzine con doce artistas emerxentes reunidos por Gadis para festexar o 17 de maio

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Presentación da campaña de Gadis, este venres na Fundación Seoane.
Presentación da campaña de Gadis, este venres na Fundación Seoane. Marcos Míguez

13 may 2023 . Actualizado a las 04:50 h.

Doce artistas emerxentes da ilustración e da banda deseñada de Galicia, moitos deles «da esfera underground» —en palabras de Manel Cráneo, que fixo de voceiro na presentación da iniciativa na Fundación Luis Seoane da Coruña—, recolleron esta primavera o convite de Gadis para publicar un fanzine co que a cadea de supermercados dá un chimpo no seu compromiso cultural co gallo do 17 de maio. «Gústanos dicir que en Gadis celebramos esta efeméride todos os días», salientou o responsable de comunicación da empresa, José Luis Fernández Astray, desta acción que segue o ronsel do volume 15 voces da nova poesía galega co que agasallaron aos clientes nas Letras do 2021 ou a intervención de rúa que levou versos de oito autores, desde Rosalía ata Lois Pereiro, a douscentos pasos de peóns de trece vilas e cidades do país.

«Levamos editados 360.000 exemplares de obras da literatura galega desde hai máis de dúas décadas», lembrou Alexandra Kuntz, responsable de márketing dixital de Gadis. De Tirabeque imprimiranse 30.000 copias para entregar nos súperes o vindeiro martes, xunto con outros tantos marcapáxinas ilustrados coa imaxe depurada —lentes, gravata e cabeleira branca— do autor que festexan as Letras 2023, Francisco Fernández del Riego.

Un concurso de vídeos creativos en TikTok, convocado en virtude dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura para fomentar o galego en plataformas dixitais, redondea a contribución da distribuidora. «Hai quen pensa que a promoción da lingua é só responsabilidade das Administracións, das academias e do ensino. Non é así. É fundamental implicar o tecido social, económico e empresarial, como celebramos neste caso. Aínda que Gadis tampouco é unha empresa calquera», rematou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, para quen as campañas de publicidade da compañía fundada por Roberto Tojeiro «marcan un antes e un despois na autoestima do pobo galego».