Goya e Orson Welles

CULTURA

Orson Welles como Falstaff en «Badaladas a medianoite» e Goya retratado por Vicente López.
Orson Welles como Falstaff en «Badaladas a medianoite» e Goya retratado por Vicente López.

13 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos seus anos de vida na España franquista, o gran director de cine Orson Welles dedicouse a facer películas e a convivir cunha realidade española que nunca deixou de fascinalo, en particular no mundo da pintura nun Museo del Prado que el visitaba con frecuencia e no que descubriu a Velázquez, El Greco e, moi por riba de todos, ó xigante Goya. Porque foi cando se achegou ós soños deste gran xenio cando descubriu o enorme parecido que sentía con el mesmo.

Coincidían incluso no anecdótico (ambos os dous quixeran ser toureiros), pero sobre todo no profundo: Goya é o primeiro pintor que prescinde de Deus e, á vez, era o máis cinematográfico dos pintores. Empregou luces e sombras nos fusilamentos do 3 de maio, onde un candil no chan iluminaba toda a escena. Welles coñecía as obras de Goya e asombrábao a súa orixinalidade. E recoñecíase nel porque o seu narcisismo coincidía co do seu admirado artista, como coincidían os seus soños cos de Goya. E, ó cabo, ambos acabaron amargados as súas vidas, despois de conseguir os maiores éxitos.

O que máis valoraba Welles en Goya era a súa capacidade de improvisar e de innovar, isto é, a orixinalidade creativa e a súa capacidade enxeñosa e intuitiva. Goya percorrera case todos os recantos de España fuxindo de non sabía que e buscando algo novidoso, distinto, profundo. Orson Welles fixo outro tanto, para acabar rodando pezas inesquecibles como Badaladas a medianoite e o seu máxico e nunca concluído filme Don Quixote (terminado artificiosamente para inaugurar a Exposición Universal de Sevilla de 1992).

A realidade é que ambos inmortalizaron unha España que, de non ser por eles, quizais pensariamos que non existira nunca. A súa creación converteuse nunha proba testemuñal que non permite demérito ou descualificación. O propio Ernest Hemingway, que tamén visitaba os cadros de Goya no Museo del Prado, bebeu das mesmas fontes… Todos eles acabaron amargados despois de ter alcanzado éxitos indiscutibles. Porque a vida tamén consiste nesa forma de ir avanzando cara un final tan imprevisible coma inevitable.