Gadis lanza un proxecto en TikTok para potenciar o uso do galego entre os mozos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Foto de familia da firma do convenio entre Gadis e a Consellería de Cultura.
Foto de familia da firma do convenio entre Gadis e a Consellería de Cultura.

Unha colaboración coa Consellería de Cultura pon en marcha este verán un concurso de vídeos creativos no que se premiarán as mellores pezas en diferentes disciplinas: arte, música, audiovisual e poesía

09 may 2023 . Actualizado a las 17:11 h.

Supermercados Gadis e a Consellería de Cultura asinaron un acordo de colaboración para promover o uso do galego nas plataformas dixitais. O obxectivo é potenciar e recoñecer o talento dos mozos que utilizan o idioma propio para crear contidos orixinais e innovadores nas redes sociais.

O proxecto lanzará un concurso de vídeos creativos en TikTok este verán, entre os meses de xuño e setembro, no que se premiarán as mellores pezas en diferentes disciplinas: arte, música, audiovisual e poesía. Os criterios de valoración terán en conta a calidade técnica e do contido, así como o seu desenvolvemento. «Achegarnos á mocidade e visibilizar o seu talento, á vez que favorecemos o emprego do noso idioma aproveitando as ferramentas que nos ofrecen as plataformas dixitais é un dos nosos obxectivos. Tamén queremos amosar o valor da colaboración público-privada no eido cultural e creativo», sinalan fontes da distribuidora.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a directora de responsabilidade social corporativa de Gadisa Retail, Melisa Pagliaro, selaron o acordo en virtude do cal se desenvolverá esta colaboración a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa que queren poñer en valor o Día das Letras.

Como empresa 100% galega, lembra Gadis, foi pioneira no recoñecemento e difusión da lingua galega, así como das súas diferentes manifestacións culturais. Cada ano, emprende diversas iniciativas para celebrar o 17 de maio e, no 2023, prevé outras accións para dinamizar o uso do idioma común que «reforza a identidade galega».