A segunda idade de ouro da animación galega 

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Chelo Loureiro e Allberto Vázquez con dous Goyas nunha terraza da Coruña
Chelo Loureiro e Allberto Vázquez con dous Goyas nunha terraza da Coruña MIGUEL MIRAMONTES

Chelo Loureiro e Alberto Vázquez simbolizan o momento doce do sector

07 may 2023 . Actualizado a las 12:53 h.

Ela, ferrolá, foi a directora da mellor película de animación dos Goya 2022, Valentina. El, nado na Coruña, dirixiu Unicorn Wars, que logrou o mesmo premio este ano (no cal estaba ela como produtora). Son Chelo Loureiro e Alberto Vázquez. A imaxe con cadanseu cabezudo simboliza un momento na animación galega especialmente destacado. Ou, máis ben, o dunha «constante» que vén de moi atrás. «O 50 % dos Goyas de animación que se levan dado son galegos», asegura Loureiro. Sen ir mais lonxe, ela ten tres. E Vázquez, xa catro.

O último logro resulta tremendamente especial. Non só pola proximidade no tempo, senón polas características dun filme que competía con producións máis amables (e con maior orzamento), como Tadeo Jones 3. «Penso que o feito de que gañase un filme como Unicorn Wars supón a maioría de idade da academia», sinala ela. «É unha película complicada, pero está claro que ten o seu público», comenta el, poñendo como exemplo as redes sociais: «En TikTok están subíndose clips do filme que se fan virais con millóns de interaccións». Outra cousa é a billeteira: «No cine ninguén fai billeteira, e menos nós», asegura Vázquez. «Non nos programan ben —reclama Loureiro—. Os exhibidores poden encher un cine completo de oito salas poñendo Avatar en todos os horarios. A nós prográmannos ás doce da mañá ou ás catro da tarde. Un adulto non pode ir a esas horas ao cine. Esta é unha proposta para ás oito ou dez da noite, pero esas déixanas para o cinema americano e comercial».

As queixas quedan aí. A inercia que ocorre en moitos sectores culturais, respecto ás dificultades da periferia e a falla de visibilidade, non aparecen neste discurso. «O feito de vir de Galicia non é un hándicap —sostén Loureiro—. O cinema galego vive un gran momento. Aí están tres películas en Berlín, hai pouco. No caso do cinema de animación somos unha potencia». Os obstáculos son outros: «O hándicap son as películas que fai Alberto, que son moi punkis e difíciles. Aos programadores que están nas televisións apostar por cousas rariñas cústalles moito. Se tes cen películas onde elixir é complicado que aposten por esta».

Atractivo inusual

Foi a rareza a que, logrado o visionamento, namorou a moreas de espectadores prendidos desa perversa mestura de enganosa dozura e instintos sanguinarios dos seus animaliños. «Á xente chócalle que sexa animación e que xogue cunha aparencia infantil para falar doutras cousas. Búscase provocar emocións no espectador», explica o director, que, na promoción, a definía como un híbrido de Bambi, Apocalypse Now ea Biblia.

«É unha película complicada, pero iso xa é unha constante en Alberto», apunta a produtora, que lembra como «moitos críticos dixeron que era a mellor película do cine español deste ano, e Alberto, o mellor director». Este prestixio do coruñés facilita o traballo comercial que existe detrás de todo filme: «A película tes que vendela antes sobre guión, non é fácil, e vai pouco a pouco. Alberto é unha referencia na animación europea. Si que contamos con apoio de Galicia. Tanto Agadic como a TVG foron os primeiros que nos confirmaron que a compraban. Sen iso xa non vales para ir fóra; porque, se vas por aí e ven que non cha compran na casa, todo son dificultades. Sen ese apoio, é posible, pero é moito máis difícil. Por exemplo, para ir ás axudas do ministerio tes que ter unha parte obtida; se non, non podes. Por iso o capital semente da terra é importante».

«Un capital que se inviste aquí», puntualiza Vázquez. Lembra que se montou un estudio na Cidade Vella da Coruña para elaborar o filme, que contou con tres equipos (ademais do coruñés, traballou outro en Bilbao e outro en Francia), durou catro anos e tivo un presuposto de máis de tres millón de euros. Serviu non só para obter o Goya, senón para ampliar o campo de acción. «Sae en Xapón e Estados Unidos», anuncia el. Ela dálle una especial importancia ao país asiático: «A Xapón non lle interesan nada ás nosas historias. Eles teñen 200 estudios; é dificilísimo vender alí».

«Hai unha tradición que axuda a que isto estea ocorrendo»

Na listaxe de candidaturas aos Goya deste ano figuraba, optando á mellor película de animación, Os demos de barro de Nuno Beato, unha coprodución na que interviña Galicia. Aí está Xosé Zapata, que logrou o Goya no 2022 coa curta The Monkey. Cre que estamos nun momento especial que pode considerarse como «unha segunda idade dourada do sector en Galicia». No pasado descansan mitos como Dygra e Filmax Animation. Marcaron as xeracións que viñeron logo e configuran este presente. «Hai unha tradición que axuda a que isto estea ocorrendo. Dygra deixou un pouso de calidade e esixencia nos produtos que se facían en Galicia. E iso, queiras ou non, transmítese aos que veñen despois».

Xosé Zapata
Xosé Zapata MIGUEL VILLAR

Foi en 2001 cando se estreou El bosque animado de Manolo Gómez e Ángel de la Cruz. Trátase dun fito que transcendeu a Galicia e España. «Foi a primeira película de animación en 3D feita en Europa e a sexta do mundo», lembra De la Cruz. «Aquilo supuxo un pulo. Tamén se podía facer este tipo de animación aquí. Abriu as portas da animación galega ao mundo». Logo virían El sueño de una noche de San Juan (2005) e Espíritu del bosque (2008). Máis tarde, unha profunda crise que levou por diante a empresa. Aparece outra forma de facer animación en 2D con presupostos máis baixos. «Xente como Xosé Zapata, Chelo Loureiro ou Alberto Vázquez son os que protagonizan esta segunda idade de ouro, mostrando moitísimo talento. Por exemplo, Alberto é un cineasta como a copa dun pino. Pode facer o que se propoña e, ademais, cun selo moi particular e unha ollada propia».

Vázquez logrou entrar en Xapón e fala sen complexos dos festivais dende os cales podería dar un salto e coarse nos Óscar. Esa confianza e ausencia de límites pode ter que ver co pasado? «Pode ser. Porque nós, tanto con El bosque animado coma con Arrugas, estivemos preseleccionados —lembra De la Cruz—. E, no caso de El bosque, por moi pouquiño. Entón era a primeira vez que había o Óscar de animación e só se propuxeron tres películas. Se fosen cinco, como despois, seguramente teriamos a oportunidade. Eu si que vexo posible que un galego estea proposto para un Óscar. Agora mesmo quen ten máis papeletas é, sen dúbida, Alberto Vázquez. Outra cousa é gañar, porque competir coa industria americana é imposible, pero si estar seleccionado e ser proposto. Todo iso vén polo traballo de máis de 25 anos».

Nas conversas cos profesionais sempre aparece a desconexión entre orzamentos e talento. Sobre iso reflexiona Xosé Zapata: «En Cataluña hai dous millóns de euros para a animación de alí. En Valencia, hai axudas específicas nas que dedican 400.000 euros para series ou 60.000 para curtas. Todo iso está moi lonxe de calquera investimento que se faga en Galicia. Pero nin valencianos nin cataláns teñen o noso currículo de premios. É impresionante».

«Salvo o tecido industrial, aquí non falta nada. Hai xente, hai ganas e hai ideas de sobra»

Outro dos títulos históricos da animación galega e O Apóstolo (2012) de Fernando Cortizo. Trátase da primeira película stop motion feita en Galicia, pero apareceu nun mal momento. Sufriu as penurias da crise e terminou sendo un título maldito. Alí traballou o grovense Daniel Abalo, un profesional que entón se iniciaba no terreo da animación. Hoxe presenta un currículo internacional de primeiro nivel que fala por si mesmo. Nel figuran títulos como Frankenweenie (2012) de Tim Burton, Anomalisa (2015) de Charlie Kaufman e Isle Of Dogs (2018) de Wes Anderson.

Dende a súa experiencia, cre que Galicia non ten nada que envexar ao de fóra no humano. Aínda que si no estrutural. «Sinceramente, salvo o tecido industrial, creo que non falta nada —sinala—. Hai moito talento, e aquí poderíase traballar se houbese empresas fortes. A experiencia que tiven en O Apóstolo é que a xente que viña de fóra estaba encantada. Había búlgaros, americanos, ingleses... Todos estaban encantados. Temos atractivo. Hai xente, hai ganas e hai ideas de sobra. O que falta é ese tecido, que entendo que é complexo. Se houbese todo iso, empezarían a crecer cousas moi interesantes».

Daniel Abalo
Daniel Abalo

Tamén fala da herdanza da xeración anterior. «Moitos compañeiros meus galegos aprendemos moito con O Apóstolo. Foi un xerme total. Moitos andan polo mundo adiante traballando», comenta. No seu caso, tras pulular polo mundo, agora está instalado en Brión. Desde alí fixo de director de animación no filme Hanna y los monstruos, da viguesa Lorena Ares. Acaba de estrearse e prodúcea a empresa catalá Ouo Time.

Festival Imaxinaria

Dentro desta atmosfera de recoñecemento, arrancará en breve o Festival Imaxinaria. Celebrarase na sede coruñesa de Afundación, entre o 10 e o 14 de maio. Conta coa dirección de Alberto Vázquez. Entre os obxectivos do certame está o de servir de plataforma para a animación en Galicia. Nese sentido, inclúe a sección O que está por vir, dedicada a presentar os proxectos en fase de preparación por parte dos cineastas galegos. Ademais, o venres 12 ofrecerá una sesión dedicada a Portugal, incluíndo un pase de Os demos de barro de Nuno Beato. A grande estrela do festival será Michael Dudok de Wit, Óscar á mellor curta de animación no ano 2001. No festival xa hai máis de 1.000 inscritos.