O «libro inacabado» de Galicia suma a poesía reunida de Villalta

a. s. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Luisa Villalta
Luisa Villalta

29 jun 2023 . Actualizado a las 14:15 h.

«Galicia é un libro que nunca se acaba». Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) engadiu páxinas a esa grande obra colectiva ata o seu pasamento á idade tan temperá de 46 anos. Viña de gañar, apenas uns meses antes, o premio Espiral Maior con En concreto, un poemario que tivo que ver a luz postumamente. Aqueles versos, nos que rendía homenaxe á súa cidade natal, forman agora parte doutro capítulo que sumar ao gran libro de Galicia. A Editorial Galaxia e o Centro Ramón Piñeiro presentaron onte na librería Berbiriana da Coruña Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), un volume ao coidado do profesor Armando Requeixo, que, como indica o seu subtítulo, presenta os catro títulos poéticos da autora. Ademais do xa mencionado En concreto, a recompilación inclúe Música reservada (1991), Ruído (1995) e Rota ao interior do ollo (1995). Os textos de Villalta levan como complemento un perfil biográfico da autora, que ademais de poeta e docente de lingua e literatura galegas, era violinista, instrumento que tocou en diversas orquestras. A sensibilidade musical, xa que logo, estaba tamén presente nos aspectos formais da súa obra lírica e en varios dos ensaios que escribiu.