Luís Tosar: «As series abúrrenme soberanamente, teño a mente colocada no cine»

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Tosar visitou Galicia estes días para asistir á estrea da súa última longametraxe, «Fatum».
Tosar visitou Galicia estes días para asistir á estrea da súa última longametraxe, «Fatum». Marcos Míguez

O actor lucense está de volta nas salas como protagonista de «Fatum», unha película que reta o poder do destino

29 abr 2023 . Actualizado a las 13:14 h.

Sorprende a resposta cando se lle pregunta a Luís Tosar (Cospeito, 1971) cal foi a última película que foi ver ao cine. Momias, di sorrindo. A vida con fillos muda irremediablemente as rutinas. O actor lucense, ao que nunca lle gustaron «nin os xogos de mesa», volve á pantalla grande con Fatum para darlle vida a un pai adicto ao xogo que se ve involucrado nun atraco e que estará disposto a todo por salvar un fillo. Un thriller que quere escapar dos estereotipos do xénero e no que a acción máis intensa é a emocional dos seus personaxes. «Aquí hai tres pelis nunha», conta.

Elena Anaya, Álex García e Arón Piper completan o elenco principal da produción que dirixe Juan Galiñanes rodada na Coruña e na que figura a súa parella, a actriz chilena Luisa Mayol. Nominado en nove ocasións aos Goya e gañador en tres do premio, poucos actores contan cunha carreira tan prolífica e constante. Contados son tamén os que saben moverse con éxito entre augas tan distintas como son a comedia, o terror ou o drama. «Nunca lle damos moita importancia á maioría das decisións que tomamos», confesa Tosar, ao que non lle gusta deixar nada ao azar. Ou case nada.

—Desde a estrea de «Celda 211», no 2009, suma máis de 40 películas. Considérase un afortunado neste mundo tan complexo?

—Algunhas son só colaboracións, pero si, súper afortunado, tanto a nivel cuantitativo como polo contido dos proxectos. Estiven traballando sen parar, con paróns moi pequeniños ou intencionados, salvo un susto que tiven hai cinco anos, cando estiven sete meses sen currar. Antes dábame un pouco máis igual se pasaban uns meses sen unha chamada, pero cando xa estás con familia, cambian as cousas.

—En «Fatum» interpreta a un pai nunha situación límite. A que pode chegar un por un fillo?

—Por un fillo seguramente un fai calquera cousa, mesmo as máis aberrantes. Non son eu quen dirá «eu non o faría», non teño nin idea. A min non me gusta facer ese tipo de exercicios, aínda que a pregunta caia de caixón, sobre todo, facendo unha película coma esta, onde se fala tanto do destino. Eu tendo a pensar que teño algo que ver na miña vida. Recorremos ao destino, ao «non tiña nada que facer», sobre todo, cando as cousas van moi mal. Ante a morte dun fillo, por exemplo. Buscamos eses recovecos, «é o destino», porque necesitas un consolo, algo co que tirar para adiante. Por iso existen as relixións, tamén.

tosar.«Sempre mo preguntan, e é curioso porque a miña carreira cinematográfica non ten moito que ver con  Mareas vivas », conta Luís Tosar
«Sempre mo preguntan, e é curioso porque a miña carreira cinematográfica non ten moito que ver con Mareas vivas », conta Luís Tosar MARCOS MÍGUEZ

—Non cre no destino, entón.

—Non moito, o que pasa é que si me sucederon cousas que parece que poderían ser deseñadas por unha especie de reloxería divina.

—Refírese a Luisa Mayol, parella tamén de ficción na película?

—Foi curioso. Iámonos cruzando, case iamos en contra, pasaban os anos e, ao final, estamos xuntos. Igual houbo algo de destino.

—Pode chegar a afectar un papel na vida privada?

—Supostamente, si. Por iso hai que tomar precaucións, ser un pouco máis listo. Estableces unhas dinámicas que vas repetir durante moito tempo, durante moitas horas, dunha maneira moi intensa. Iso ten un perigo que nós, con dous nenos, non nos podiamos permitir. Antes de rodar, preparámonos con Juan Carlos Coraza, un coach, para facer un traballo conxunto e que esa relación tan rara, tan tóxica, non nos afectara na nosa vida.

—Hollywood segue sen tentalo?

—De Hollywood nunca espero nada interesante, pero nunca movo nada para facer nada alí. Está nun estado de letargo permanente. Ás veces chega algunha cousa, dan un toque, pregunto… Agora ofrecen cousas un pouco máis diversas. Normalmente, ofrecíannos cousas máis de malote.

—E as series? Algunha ten feito.

—É que a min as series abúrrenme soberanamente, en xeral. Non me gustan, paréceme que todo está moi alongado e que se podería contar en menos tempo. As secuencias parécenme longuísimas, non pasa nada. Teño a mente colocada no cine.

«De Hollywood nunca espero nada interesante», asegura Luís Tosar.
«De Hollywood nunca espero nada interesante», asegura Luís Tosar. Marcos Míguez

«Un papel co que soñe? Facer de galán... Non!»

Para os galegos, especialmente, para aqueles que creceron vendo a televisión de finais dos 90, Luís Tosar é o xuíz Andrés Domínguez de Mareas vivas. Pero tamén é Antonio, o marido violento de Te doy mis ojos, ou José, aquel desempregado que cruzaba encollido a ría de Vigo en barco en Los lunes al sol. «É curioso porque a miña carreira cinematográfica non ten moito que ver con Mareas vivas. Sempre dá a impresión de que o éxito de Mareas produciu o outro, pero non, estaba pasando en paralelo. Ao mesmo tempo que traballa na serie, estaba rodando Flores de otro mundo, unha peli que me catapultou, por así dicilo, a unha liga de cine á que non tivera acceso. Mareas foi un evento tan grande, aínda se fala del, transcendeu, pero a súa repercusión era única e exclusivamente en Galicia. Case che diría que ten máis transcendencia fóra agora. Se fose hoxe, sería totalmente diferente, con Internet todo está presente en todos os lados, pero naquel momento eran compartimentos estancos», comenta.

Chegado o momento, tivo que escoller. La flaqueza del bolchevique, Mientras duermes, El desconocido ou Maixabel son a consecuencia desa elección. «O 99 % das cousas que facemos son decisións que imos tomando», argumenta. Un deses principios foi o de manterse afastado das redes sociais. «Son un privilexiado porque conseguín ter un estatus na profesión anterior ás redes e estou vivindo un pouco de rendas nese sentido». Coma pai, xa non descarta ter que habilitar unha conta no universo no que están os novos e, coma actor, segue buscando guións que o sorprendan. «Sempre hai unha tendencia a ofrecerche cousas nas que se ve que funcionas», explica. «Un papel co que soñe? Facer de galán… non! Sería bonito facer unha peli de aventuras, molaría un Indiana Jones, ou unha de piratas, un John Silver. Pero son tipos de cine que aquí non podemos facer», desliza.