Otero Pedrayo, retratado durante un discurso en Padrón en 1958.
Otero Pedrayo, retratado durante un discurso en Padrón en 1958.

28 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai sete anos a Fundación Otero Pedrayo dedica á monumental figura literaria de don Ramón unha xornada de estudo en abril, o mes no que faleceu o Patriarca aos 88 anos de idade (Ourense, 10-4-1976). Este sábado, no Liceo ourensán, terá lugar o simposio deste abril oteriano, que protagonizarán, desde as 11.00 ás 14.30 horas, María Victoria Carballo-Calero Ramos, Armando Requeixo, Antón Palacio e Xesús Alonso Montero.

A profesora de arte Carballo-Calero Ramos explicará o significado da acuarela O souto dos gatos, regalada a don Ramón, polo seu autor, Castelao, en Bos Aires no ano 1947, e hoxe custodiada no pazo de Trasalba; Armando Requeixo fará unha incursión, a primeira no tema, na relación entre o Patriarca e o escritor lugués Ánxel Fole; o profesor Antón Palacio ofreceranos noticias inéditas sobre o segundo volume de O libro dos amigos, unha das obras excelsas de don Ramón, que terá a súa coroación cando se recollan os novos capítulos, e Alonso Montero comentará un extenso poema do noso autor, A Estadea (ou Pranto polo Seminario de Estudos Galegos), que é un canto elexíaco, de 138 versos, 18 deles en latín (o dos responsos), á gloriosa institución galeguista decapitada por Franco no verán de 1936. Escribiuno Otero Pedrayo, presidente do Seminario, dous meses despois da sublevación, pero tardou décadas en ser exhumado.

Teño noticias de que a fundación proponse dedicar os próximos simposios oterianos de abril a obras de don Ramón especialmente significativas, pero case descoñecidas por moitos lletraferits galegos e extragalegos. Na miña opinión, a primeira debería ser ese monumental volume que Otero Pedrayo publicou no ano 1972 co título El Padre Feijoo. Su vida, doctrina e influencias, case oitocentas páxinas que aínda hoxe, medio século despois, asombran, pola súa orixinalidade e erudición, aos especialistas no século XVIII español.

Postos a suxerir obras oterianas, sería interesante organizar un simposio abrileño sobre a sorprendente Historia del arte universal (Galaxia, 2004), libro dos menos lidos daquel inmenso polígrafo que foi o xeógrafo Ramón Otero Pedrayo.