Charlas, recitais e revistas especializadas levan as letras de Galicia a Londres
23 abr 2023 . Actualizado a las 11:10 h.As publicacións en lingua inglesa, en termos numéricos e estratéxicos, forman un dos principais mercados do sector editorial global. Tamén é un dos de máis difícil penetración, polo menos no Reino Unido: as traducións chegadas doutros idiomas apenas representan o 3 % do total. Porén, pouco a pouco hai cambios, como a recente eclosión de pequenos selos independentes, que abren o abano de atención ao que se escribe noutras latitudes lingüísticas, e iso inclúe tamén ás chamadas linguas minorizadas.
Esta semana varios actos levaron a Londres unha pluralidade de voces que se expresaron en galego, éuscaro, catalán, asturiano e español. Ao seu redor foise tecendo un debate sobre as estratexias para que o público inglés as poida coñecer en tradución á súa propia lingua: o papel de axencias e editoras, as axudas institucionais, a diplomacia cultural e o activismo de tradutores que moitas veces van máis alá dun mero papel de intermediarios entre idiomas e son auténticos embaixadores dunha cultura que fan súa por adopción.
Este último é o caso de Robin Mundy, tradutor nacido en Liverpool que traballa dende o ruso e o español cara ao inglés, pero que vén de incorporar o asturiano a ese repertorio; agora teima por conseguir que se traduza e publique por vez primeira unha obra literaria asturiana en inglés. Ás dificultades propias do proceso engádese a carencia dun rango de cooficialidade do idioma, atrancos que Mundy compensa con toneladas de entusiasmo.
A poeta galesa Susie Wild, porén, xa publicou como editora catro libros de autoras vascas no selo Parthian, para o que contou coa colaboración do Instituto Etxepare. Igualmente, o catalán promove activamente a internacionalización da súa literatura dende outro organismo específico, o Instituto Ramón Llul, presente na Feira de Libro de Londres cun amplo stand no que se sucedían todo o tempo entrevistas e encontros profesionais. O esforzo está a dar resultados: cada ano aparecen unha vintena de títulos cataláns en inglés.
Outras literaturas
Na propia feira, Mundy e Wild explicaron as súas experiencias nunha charla organizada por Olga Castro, profesora da Universidade de Warwick e académica correspondente da RAG. Dende hai anos desenvolve proxectos de investigación sobre a internacionalización e recepción no Reino Unido das literaturas galega, vasca, catalá e asturiana. No caso galego constátase como inflúe o tamaño pequeno de moitos selos na súa menor capacidade para vender os dereitos de obras no exterior, dereitos cuxa xestión ás veces ceden aos propios autores, que tampouco teñen a formación ou os recursos para tirarlles proveito. Un mellor coñecemento do mercado de chegada tamén é vital para afinar as propostas e incrementar as posibilidades de éxito. Unha contribución específica e especial dende o eido institucional vese como unha necesidade imprescindible para superar estas dificultades.
Na procura dos lectores: «De que serve publicar un libro se logo ninguén chega a lelo?»
O longo camiño dos libros en linguas minorizadas como o galego non remata coa publicación. Se isto xa é complexo de por si, non o é menos acadar o obxectivo lóxico de toda obra: sumar lectores. «De que serve publicar un libro se logo ninguén chega a lelo?», preguntábase Rosie Goldsmith. En representación de Acción Cultural España, Ainhoa Sánchez explicou no Cervantes que as liñas de axudas da entidade non cobren só as traducións e publicacións (xunto con mostras para axencias e editoras), senón que as hai específicas para organizar xiras promocionais de autores e reforzar a súa presenza exterior.
Un número especial de «The Riveter» sobre unha España multilingüe
O venres o Instituto Cervantes de Londres acolleu unha velada sobre o panorama multilingüe de España, que centra tamén a última entrega da revista literaria The Riveter. O número, que conta coa apoio de diversas institucións, entre elas a Xunta, presenta unha visión global onde non faltan os nomes establecidos de Almudena Grandes, Marías, Cercas e Vila-Matas, pero tamén unha achega á escrita noutras linguas. No caso galego, Eva Moreda asina unha breve mais precisa análise do sector actual. Jonathan Dunne fala dende a súa experiencia como tradutor e editor en Small Stations. Hai recensións de Memorias dun neno labrego (na tradución de John Rutherford), de Neira Vilas; A veiga é como un tempo distinto (por Craig Patterson), de Moreda; e Os últimos días de Terranova, de Manuel Rivas, en versión de Jacob Rogers. Deste último, que vén de pasar o pasado marzo na residencia literaria 1863 da Coruña, inclúense anacos das súas traducións recentes ao galego, entre as que se contan Berta Dávila e Ana Cabaleiro.
Precisamente ese é un dos obxectivos de The Riveter, segundo a súa directora, Rosie Goldsmith, e a editora convidada deste número, a tradutora Katie Whittemore: que eses fragmentos sexan o primeiro paso para que os libros cheguen a publicarse integramente en inglés. Un esforzo ao que contribúe outra plataforma presente no acto do Cervantes, Translators Aloud, unha canle de YouTube que naceu no 2020 e xa publicou 400 vídeos nos que uns 300 tradutores len mostras do seu traballo.