Na terra das mil danzas literarias: a primavera das letras arrinca en Ferrol
![Patricia Hermida Torrente](https://img.lavdg.com/sc/Dp_CtMK3HpcLUmCr5ONJt1NsSZA=/75x75/perfiles/1673346721401/1706870876625_thumb.jpg)
CULTURA
![Alumnos do colexio Cristo Rey ante as casetas da Feira do Libro de Ferrol](https://img.lavdg.com/sc/O0XQfje-jIF7ZUGnHWC6f0LCPWo=/480x/2023/04/21/00121682091601237189249/Foto/F21A3043.jpg)
Catorce Feiras do Libro para a comunidade con maior ratio de librarías
23 abr 2023 . Actualizado a las 12:48 h.Afortunados os infantes dos 80 que aprenderon no programa Planeta imaxinario a devorar un libro. Os vampiros literarios chegaban á cidade para trabar nas novelas ata deixalas en branco. E así fan os lectores que encherán nesta primavera as catorce Feiras do Libro en Galicia nas cidades e vilas, ás que hai que engadir o Salón do Libro Infantil de Pontevedra (que se celebra estes días ata o 7 de maio). A primeira arrincaba o venres en Ferrol, con 35 escritores e 40 actividades ata este domingo. Segundo o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez: «Recuperamos a feira de Redondela e fixemos un maior esforzo nas actividades culturais, para ter uns certames máis potentes».
Galicia presume de ter a maior ratio estatal de librarías, con 11,1 por cada 100.000 habitantes. E precisamente Ferrol é unha cidade que naceu en torno á escritura, grazas á Ilustración coa que se crearon o Arsenal e os estaleiros. O historiador e escritor Guillermo Llorca Freire, coordinador do recén publicado Memoria histórica do Ferrol entre o mar e as murallas, recorda que «o primeiro libro editado aquí foi Descripción económica del Reino de Galicia do ilustrado José Lucas Labrada en 1804».
Algunhas librarías desapareceron, como Helios. Naceu con Álvaro Espilla, que sacou adiante a primeira Feira do Libro de Ferrol: «En 1986 e coincidindo co Mundial de Baloncesto, polo que tivemos casetas de Uruguai e a URSS». Outras continúan, como a Central Librera Real. «O importante destas citas é a difusión da cultura, levábamos bastantes anos sen vir á feira porque tíñamos moito traballo, pero fainos moita ilusión regresar aquí», indica Bárbara Dopico. Tras Santiago, a ruta das Feiras do Libro continuará por Santiago, Porriño, Lugo, Vilalba, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte (en citas que chegan ao 26 de agosto). Nun verán eterno das letras.
As novelas que se rescataron do lume e as que se leron prohibidas nas trastendas
Nos vaivéns da historia de Ferrol, os libros sempre figuran en primeiro plano. Arderon naquel verán do 36 nas prazas de Armas e Amboaxe, «salvo os que foron rescatados para coleccións particulares ou finalmente para os fondos da Biblioteca Municipal», como recorda o historiador Guillermo Llorca. Pero tamén «foron lidos como novelas prohibidas nas trastendas das xa desaparecidas Delta, Helios ou Quijote durante a ditadura».
Da clandestinidade, «onde os traballadores de Bazán fixeron unha biblioteca rotativa con Lorca e Machado», á democracia cando naceu Edicións Embora. A editorial cumpre 30 anos. «E temos libros infantís, xuvenís, adultos e coleccións completas sobre Ferrolterra e a súa memoria», indica Beatriz Rodríguez desde Embora. Ata a feira achegáronse escolares como os do colexio Cristo Rey, «con lecturas que facemos sobre Ferrol e a Ilustración», segundo a profesora Gabriela Sanjurjo.