A RAG publica os documentos orixinais do ingreso de Cunqueiro na institución

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Francisco Fernández del Riego e Álvaro Cunqueiro no día do ingreso do segundo na RAG
Francisco Fernández del Riego e Álvaro Cunqueiro no día do ingreso do segundo na RAG -

Onte celebráronse os sesenta anos da entrada do escritor na academia

22 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un 21 de abril hai 60 anos, en 1963. Álvaro Cunqueiro (1911?1981) convertíase en académico de número. O acto tivo lugar en Mondoñedo, o seu lugar de nacemento. Alí deu lectura ao discurso titulado Algunhas imaxinaciós sober tesouros. O seu amigo Francisco Fernández del Riego (1913-2010) deulle a resposta. E agora, co gallo deste aniversario e no marco das celebracións dos tamén 60 anos do Día das Letras Galegas e da Fundación Penzol, a Real Academia Galega (RAG) publica os textos mecanografados de ambas as intervencións, conservados no arquivo institucional. Ademais, tamén saca do caixón outros documentos relacionados co ingreso do gran fabulador mindoniense —fotografías e a minuta do xantar posterior— e mais a súa obra. Todo ese material pódese ver na web da institución.

«Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder o meirande dos tesouros do mundo. Cando eu escoito nalgunha aldea nosa falar de tesouros, coido que na nosa pobreza aínda somos ricos», dicía Cunqueiro aquel día. «Lendo a xa abondosa produción de Cunqueiro, decátase un ben de que o escritor conoce, vive e goza coma poucos iste mundo noso, e sabe dos que viven nil», destacaba Francisco Fernández del Riego. Para daquela, o escritor xa dera ás letras galegas Merlín e familia (1955), As crónicas de Sochantre (1956), O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958) e Escola de menciñeiros (1960).

Un dos fragmentos do discurso orixinal mecanografado que agora se pode ver na web da RAG.
Un dos fragmentos do discurso orixinal mecanografado que agora se pode ver na web da RAG. -

Semanas despois daquela recepción, escribíase outro fito na literatura do país: a RAG celebraba o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía. En 1991 o protagonista sería o propio Álvaro Cunqueiro. O homenaxeado deste ano é Del Riego, o pai intelectual da gran festa cívica de Galicia. A proposta da súa creación fora aprobada no pleno da RAG ao se someter a votación a iniciativa asinada por Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e don Paco, quen moito tempo despois chegaría a presidir a RAG (1997-2001). A idea partira de Del Riego, quen defendera a creación dunha gran celebración deste tipo xa na prensa dos anos 30 do século pasado, lembra o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na serie documental web Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu, producida pola institución.