A parroquia na sociedade galega

7 de maio do 2005 FERNÁNDEZ DEL RIEGO EN LA VOZ

CULTURA

21 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecemos moi de preto o que foi a vida rural no noso país en tempos xa pasados. Galicia era daquela fundamentalmente agrícola. Na actualidade vai baleirándose de residentes en moitas aldeas. Incorpóranse arreo ó mundo urbano industrializado. Prodúcese así unha evidente configuración nova no ámbito socio-económico que estamos a vivir. Con todo, sigue a perdurar o horizonte da parroquia na existencia campesiña. Porque a parroquia non deixou de ser a colectividade natural do país. Núcleo pequeno formado por poucos veciños, non perdeu a súa inequívoca personalidade. A igrexa en Galicia non creou a parroquia. Non fixo máis que lle dar nome. Pois viña ser pervivencia dos pequenos clans dos devanceiros. Os concellos, en troque, non chegaron a acadar verdadeiro arraizamento na sociedade rural. Sempre se consideraron como un transplante do réxime das vilas. En institucións que non se axeitaban á vida rural galega.

As parroquias tiveron e teñen, un significado histórico que o decorrer, o evoluír, do tempo non fixo desaparecer. Trátase de comunidades con carácter esencialmente agrario que constitúen o único fondo autónomo da sociedade galega. Esta, como reiteradamente se dixo, ofrece un exemplo escrito de sedentarización, de máximo afincamento na terra. Afincamento ao que o pobo galego tendeu a se vencellar sempre pola súa vontade conxénita.

Non hai dúbida de que a vida do campo ten cambiado substancialmente. Que moitas das súas xentes emigraron desde os eidos natais na procura doutros horizontes. Pero a parroquia segue a ser elemento básico dos que integran e conforman unha sociedade substantivamente galega. Séntense así unidas á terra, ao labor que as esporea. É o mesmo sentido dos que durante séculos enteiros se deron a man en sucesivas xeracións do pobo.

A Galicia de hoxe non é a de outrora. O camiño industrializador non só se abriu nas cidades, senón que se adentrou tamén no campo e na ribeira mariña. Os novos medios de cultivo, de concentración parcelaria, o aproveitamento racional dos produtos agrícolas e gandeiros, vaise impondo de a pouco. No entanto, a función tradicional da parroquia non perdeu, nin pode perder, vixencia. Porque foi base da subestrutura social galega desde lonxanos días ata mesmo os de agora.

Calquera modificación que se tente na configuración estrutural de Galicia debe contar coa presenza da parroquia como entidade viva, característica, do país. Non hai que esquecer que a parroquia segue a ter importancia primordial na mentalidade campesiña. Galicia continúa sendo, en boa parte, un pobo de campesiños. Toda política que tenda a lle fornecer medios modernizadores ao seu porvir, debe ter presente esa realidade. Porque no é só a industrialización urbana, mesmo a dos produtos rurais. Éo tamén o artellamento político-social que na vida rural existe.

En tal artellamento correspóndelle á parroquia xogar un papel substantivo. Pois a partir dela, sen se desentender da comarca, cabe a ordenación eficaz do mundo aldeán. Un mundo que foi tradicionalmente fiel á terra xeograficamente caracterizada. Un pobo consubstancial con ela, pola cotiá comuñón que dela recibe.

Artigo publicado o 7 de maio do 2005

fernández del riego en La voz de galicia