O 47,1 % do sector cultural galego subiu ingresos, pero menos do que agardaba

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Hakan Casares e Rosario Álvarez presentaron os resultados do Barómetro
Hakan Casares e Rosario Álvarez presentaron os resultados do Barómetro XOAN A. SOLER

As entidades suspenden ás Administracións e piden maior gasto público

21 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O sector cultural galego segue en liña ascendente despois da pandemia: o 2022 foi mellor có 2021 en termos de ingresos. Fronte a isto, o tecido cultural galego segue botando de menos un maior apoio institucional. Son parte das conclusións do último Barómetro da Cultura Galega, un documento elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega, coa finalidade de ofrecer unha radiografía do sector, así como trazar unha evolución histórica, destacou a presidenta da entidade, Rosario Álvarez. Esta vez, segundo detallou o coordinador do Observatorio, Håkan Casares, ampliaron a enquisa, chegando a facer 1.002 entrevistas a representantes de distintas organizacións culturais, incluíndose por primeira vez, e dado o seu peso, os autónomos.

Un 47,1 % das entidades obtiveron un incremento nos seus ingresos respecto ao 2021, fronte ao 21,2 % que viron como se reducía a súa facturación, recolle o barómetro. As empresas dedicadas á música, ao audiovisual e ao teatro, danza e outros tipos de artes escénicas foron as que máis viron medrar os seus ingresos. Porén, ese aumento foi menor do agardado. Ademais dos datos cuantificables, o estudo tamén amosa as percepcións dos axentes culturais. Deste xeito, o 52 % dos enquisados teñen a sensación de que o 2022 foi mellor ou moito mellor que o 2021. As valoracións máis optimistas son as dos museos e as de quen se dedica a actividades relacionadas co patrimonio, o audiovisual, a música e a educación musical. No extremo contrario atópanse os axentes que centran o seu labor no comercio de libros e publicacións periódicas e nas artes gráficas. Estas dúas últimas, segundo o informe, practicamente tiveron un ano igual ao 2021. E para o 2023? O 48,4 % pensan que será aínda mellor que o último.

Se en termos xerais o sector cultural apreciou un aumento da carga de traballo e da demanda, tamén é certo que durante o 2022 tiveron que facer fronte a un incremento dos custos de produción. O 49,5 % das entidades viron aumentados os custos laborais, e, para un 84,6 %, subiu o prezo dos materiais e servizos que precisan. Un 39,6 % tiveron finalmente que repercutir estas alzas sobre os consumidores.

Por outra banda, se algo deixa patente o barómetro é o descontento dos axentes culturais coa acción desenvolvida polas Administracións públicas: todas suspenden. O Estado é o que peor puntuación leva, un 3,42, seguido polas administracións locais —concellos e deputacións—, cun 4,41. A autonómica é a que mellor nota logra, un 4,67, pero só aproban a súa xestión, ademais das entidades de carácter esencialmente público (bibliotecas, arquivos e museos), as dedicadas ao audiovisual e ás artes escénicas. Os profesionais máis críticos son os autónomos, xa que para eles ningunha das Administracións chega ao catro. O informe recolle, ao igual que na pasada edición, que a demanda do sector é artellar un maior gasto público e axudas fiscais.

Precisamente, ao preguntarlles ás persoas responsables das empresas e organizacións cales eran as principais debilidades e fortalezas da cultura galega, un terzo delas (33,6 %) nomeaban como principal carencia o escaso apoio institucional, seguido pola suba dos prezos e a situación xeral (31,3 %) e o reducido tamaño do mercado cultural (30 %). Como principal fortaleza apuntan o talento e creatividade dos profesionais.

O estudo tamén avalía o impacto da celebración do Xacobeo. Nese senso, o 61 % consideraban que non produciu o ano pasado ningún impacto na súa entidade, pero o 76,1 % manifestan que tivo unha repercusión positiva ou moi positiva sobre o conxunto da cultura galega. Nas virtudes que se deberá profundar destacan os festivais musicais, e no outro lado da balanza sitúan o turismo de mala calidade que non realiza gasto en cultura. Tamén houbo críticas por non se priorizar a cultura galega, ao contratar máis artistas foráneos ca do país.