Xaime Quintanilla: un alcalde libre, republicano e pícaro para Ferrol

patricia hermida FERROL / LA VOZ

CULTURA

Quintanilla, retratado na súa época de alcalde de Ferrol. Á dereita, manuscrito de «Donosiña».
Quintanilla, retratado na súa época de alcalde de Ferrol. Á dereita, manuscrito de «Donosiña».

Membro das Irmandades, médico, escándalo dos puritanos e fusilado

20 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Atardece nun 7 de abril de 1921, cando unha fermosa muller pasa dos brazos do seu marido aos do seu amante ante o puritano Ferrol. Así acontecía nun estupefacto teatro Jofre, por obra e graza do dramaturgo Xaime Quintanilla Martínez (A Coruña, 13 de xuño de 1898-paredón do cemiterio ferrolán de Canido, 18 de agosto de 1936). Médico, membro de Irmandades da Fala, socialista, escritor, actor, pícaro, sobre todo libre e finalmente fusilado polos fascistas en 1936. Escándalo dos puritanos e tamén en certo modo descoñecido hoxe en día na súa faceta de autor dramático. A súa obra Donosiña é orixinal de 1921, pero tardou 76 anos en ver a luz. Non foi editada ata 1997, grazas á investigadora da UDC Laura Tato, na Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor.

Cumpríronse 25 anos desta recuperación dunha obra censurada na súa época. O manuscrito está nas mans da Real Academia Galega desde o ano 2010, un documento único que, ademais, foi dixitalizado e pode consultarse na web da institución. Sobre a riqueza da figura de Quintanilla, destaca Laura Tato que «era un verso libre, e iso non estaba admitido na sociedade da época; por iso a vinganza contra el foi brutal ata ser fusilado». Esa liberdade tamén carreaba complexidade: «Entrou nas Irmandades da Fala en 1916, cando estudaba Medicina en Santiago, e despois foi expulsado do PSOE, pero sería reincorporado ás filas socialistas coa Segunda República en 1931 porque el gozaba dunha popularidade enorme en Ferrol».

«Donosiña» ou o adulterio

O escándalo de Donosiña provocou «a disolución do grupo de teatro das Irmandades no que estaba e que a actriz principal non volvese actuar; aos bempensantes de Ferrol a obra parecíalles unha indecencia porque a sociedade quedaba moi retratada». Quintanilla movíase ademais coma un peixe por unha cidade tan estamentada: dirixía un grupo teatral da jet como La Piña, pero tamén traballaba co grupo obreiro do Real Coro Toxos e Froles.

Recalca Laura Tato, investigadora de literatura galega especializada en teatro, que «a súa destacada personalidade xerou moitas envexas». Editou coas Irmandades a revista Galicia, e os seus números apareceron tempo despois nun faiado de Ferrol, «quedaron depositados na Biblioteca Municipal de Narón, pero no traslado de edificio perdéronse». O escándalo de Donosiña non foi «pola ideoloxía do autor, senón porque o tema escollido era o adulterio cometido por unha muller, e que ademais non era castigada; iso non era algo permitido pola mentalidade católica reaccionaria».

Quintanilla ía tanto cos do Casino coma cos traballadores de Bazán. E, como asegura Laura Tato, «á clase alta non lle gustaba que el se mesturase coa baixa, e que tratase en positivo o tema do adulterio feminino».

O doutor exerceu como alcalde entre 1931 e 1934, cando foi acusado das revoltas en Ferrol derivadas da chamada Folga Xeral Revolucionaria. A súa traxectoria foi precoz. Tras estudar Medicina en Santiago, en 1917 creou en Ferrol unha clínica de cirurxía e iniciou unha carreira caracterizada pola atención aos máis humildes. Participou tanto no socialismo coma no galeguismo, intervindo na primeira Asemblea das Irmandades da Fala. Como articulista, escribiu en diarios e revistas da época como Ferrol Deportivo e Céltiga. E na faceta literaria, lanzou Saudade ou a comedia dramática Alén.

O uso da lingua galega daría forza a estes escritos. Como indica Laura Tato, «en Donosiña todo o mundo fala galego; a lingua usábase así tamén nas clases altas e amosaba que en cuestións artísticas ía moi por diante da súa época». Nunha antoloxía da Real Academia Galega, tamén editada por esta investigadora, chamada O teatro nas Irmandades da Fala, achéganse as obras máis representativas dese movemento desde a creación do Conservatorio Nacional de Arte Galega en 1919 ata que foi fulminado por parte da ditadura de Primo de Rivera en 1923. Nas Irmandades, Antón Villar Ponte e Xaime Quintanilla representaban «o sector máis avanzado e europeísta», segundo a RAG. Tan libérrimo era Quintanilla que fixo campaña a favor do Estatuto de Autonomía, a pesar de opinións en contra no seu propio partido.

Asasinado e arrastrado

Arriscou a súa vida polos enfermos ata o punto de atender barcos infectados de tifo. Pero atoparía a morte fusilado polos fascistas o 18 de agosto de 1936, na tapia do cemiterio de Canido xunto a outras 14 persoas. «O cadáver foi despois arrastrado por un carro de cabalos por todo o casco histórico. Hai xente que viviu o 36 e que así o recordaba», afirma Laura Tato. E os seus restos non se recuperaron. «Unha persoa excepcional recibiu un castigo excepcional, porque non todos os alcaldes republicanos tiveron unha morte tan terrible», laméntase Tato. A súa loita continuaría viva no primeiro alcalde da democracia actual: o seu fillo Xaime Quintanilla Ulla, en 1981, primeiro en decretar a retirada de 61 símbolos franquistas.