Lembran a Antía Cal, renovadora da pedagoxía galega, no seu centenario

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Antón Beiras, fillo de Antía Cal, entregou a Concha Losada dous libros da mestra.
Antón Beiras, fillo de Antía Cal, entregou a Concha Losada dous libros da mestra. Xoán A. Soler

A familia entregou ao Museo do Pobo os orixinais de dous libros que fixo a mestra

19 abr 2023 . Actualizado a las 05:15 h.

«Foi o faro máis luminoso da educación galega do século XX». Así definiu a Antía Cal (A Habana, 1923-Moaña, 2022) unha das súas alumnas, Elisa Suárez-Amarelo, durante a homenaxe celebrada este martes no Museo do Pobo Galego coincidindo coa xornada na que cumpriría cen anos. Música, lecturas e lembranzas déronse a man no claustro de Bonaval (Santiago) en honor á fundadora da Escola Rosalía de Castro de Vigo e referente da nova pedagoxía en Galicia.

«Antía Cal naceu hai cen anos, co que o seu desempeño profesional aínda é máis impresionante», fixo fincapé a antiga alumna, resaltando como «fundamental» o respecto que tiña polo alumnado, ao que unía cuestións como a incorporación do inglés á ensinanza —«aprendemos os paxaros e plantas antes en inglés que en castelán»—, a liberdade que lles daba para preguntar ou o feito de non obrigalos a estar sentados todo o tempo. «Na nosa escola tamén existía o galego, aínda que non se podía», afirmou Suárez-Amarelo, lembrando, ao tempo, algúns dos nomes das aulas: Concepción Arenal, Castelao, Alexandre Bóveda, Mariñeiros... Tamén contou algunha anécdota, como cando, despois de atopar o alumnado chorando cando entrou na aula logo de que un cura lles falase das torturas do purgatorio, este non volveu a impartir clases no centro.

Ademais, coincidindo co acto de lembranza, a familia da mestra fixo entrega ao Museo do Pobo Galego —do que Antía Cal foi socia fundadora— dos orixinais de dous libros que escribira nos anos 50 e que non viron a luz ata o século XXI, O libro dos nenos e A arte e a súa historia. Uns volumes dos que o seu fillo, Antón Beiras Cal, mostrou as súas dúbidas de que sexan libros. «O libro nace dunha paixón, do desexo do autor para que sexa lido, pero estes foron escritos nos anos 50 coa certeza de que non ían ser lidos. Iso é asombroso», dixo na súa intervención. Nese sentido, engadiu que os dous traballos que agora doaron «naceron dunha paixón distinta: do amor e da resistencia. Do amor a unha cultura e a unha lingua, e da resistencia a unha longa noite de pedra e á sombra de Atila, porque foron escritos á sombra de Atila».

En galego nos anos 50

A familia considera que o lugar axeitado para estes dous libros é o Museo do Pobo, xa que conta con importantes fondos documentais: «Aínda na hipótese de que non tivesen valor literario, que si o teñen, son dous documentos esenciais para entender Galicia. Trátase do primeiro tratado de arte e un dos primeiros libros de pedagoxía, os dous escritos en galego nos anos 50».

Precisamente, a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, fixo fincapé na importancia destes dous exemplares para contar a historia. «Recibimos dous libros que son dúas ferramentas de traballo dunha mestra galega que os tivo que facer para si porque non os había, non existían». No caso de O libro dos nenos, que recibira un premio convocado por Lar Galego de Caracas, permaneceu inédito ata o 2018, en que foi editado pola Deputación de Lugo. No caso de A arte e a súa historia, tamén en galego, viu a luz no ano 2017 cando foi editado por Laiovento.

Na homenaxe tamén participaron o saxofonista Pablo Castaño, que interpretou varias pezas, así como o narrador e actor Quico Cadaval, que en clave de humor resaltou a transcendencia de Antía Cal. Un neno e unha nena leron os prólogos dos libros.